Condutor 'kamikaze' á fuga percorre os 25 quilómetros que separan Sanxenxo de Vilanova coa policía detrás

Trátase dun mozo de 22 anos.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 13/02/2025 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

A Policía Local de Sanxenxo e a Garda Civil protagonizaron na madrugada do pasado domingo, día 9 de febreiro, unha persecución policial entre Sanxenxo e Vilanova de Arousa para interceptar a un condutor 'kamikaze' que se deu á fuga nun vehículo de gran cilindrada. Segundo informa o Concello de Sanxenxo, os feitos ocorreron no centro urbano, cando os axentes identificaron o automóbil, conducido por un veciño de Vilanova de 22 anos de idade, que xa estaba a ser investigado penalmente por feitos similares producidos en xullo do ano pasado, cando conducía sen permiso e saltou un control, dándose á fuga de forma temeraria e pondo en risco a vida dun dos funcionarios.

O pasado domingo, os axentes déronlle o alto e o condutor fixo caso omiso, emprendendo unha fuxida de forma "temeraria e a toda velocidade" e vulnerando as normas de tráfico, "volvendo pór en risco a vida dun axente da Garda Civil que se atopaba realizando un control". "Foi entón cando se produciu a persecución policial conxunta para tentar deter ao autor dos feitos, chegando ata o municipio de Vilanova de Arousa, onde se lle perdeu a pista, detectando minutos despois o vehículo estacionado nun camiño rural do municipio, pero sen rastro do condutor", indicou o goberno local.

A pesar de todo, a Policía Local de Sanxenxo instrúe dilixencias penais por dous delitos contra a seguridade viaria (carecer de permiso de conducir e condución temeraria) en concurso cun delito de atentado a axente da autoridade agravado polo uso de vehículo a motor. Ademais, tamén se investigará ao titular do vehículo como posible cooperador necesario. O investigado pode enfrontarse a unha pena de 8 anos de cárcere polos feitos que se lle imputan, segundo explican.

Imaxe da Policía Local de Sanxenxo
Imaxe da Policía Local de Sanxenxo | Fonte: CONCELLO DE SANXENXO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta