Entroido en Manzaneda: o éxtase das Mázcaras danzando ao ritmo do Fulión

Ata o 3 de marzo haberá interesantes rondas polas aldeas e unha Fuliada en Cernado, mentres que o martes de Entroido terá lugar o ‘Desfile de Fulións’ e un xantar popular no pavillón municipal.

Por X.M. Fernández | Manzaneda | 18/02/2025 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

O Fulión de Manzaneda, un dos grandes atractivos do entroido galego, deixouse ver e sentir este ano xa na noite do día 31 de xaneiro. Esta foi a primeira data deste 2025 na que se puideron ver danzar as Mázcaras ao son da corna, os bombos, gadañas e aixadas. Concretamente foi cando o ‘Fulión da Mourela pra acá’ fixo unha ronda para visitar a aldea de Palleirós.

Mázcaras en Trabazos (2024). Foto: XMF.
Mázcaras en Trabazos (2024). Foto: XMF.

O Fulión Tradicional do Entroido de Manzaneda é un dos entroidos máis vistosos da provincia de Ourense, está declarado como Festa de Interese Turístico de Galicia e desenvólvese este ano do 31 de xaneiro ao 4 de marzo.

Os días 20 e 27 de febreiro celebraranse o xoves de compadres e o xoves de comadres, respectivamente, e ata o 3 de marzo haberá interesantes rondas e unha Fuliada.

No que respecta ás rondas, visitas que fai o Fulión ás aldeas, ata o 4 de marzo haberá os venres e sábados por diferentes núcleos de poboación, iso si, para saber delas hai que ter contactos na zona ou facer un seguimento a través de fulións moi activos e coñecidos na zona como é por exemplo o devandito ‘Fulión da Mourela pra acá’. As anunciadas no cartel que publica o Concello de Manzaneda son as seguintes: o 28 de febreiro, Ronda da cativada do CEIP de Manzaneda e Casa Niño O Bicarelo; o 1 de marzo, visita de Fulións de Borruga e Cubeiros a Langullo a partir das 17:00 h.; e día 3 de marzo Ronda dos Gusanitos pola vila de Manzaneda.

E para coller unha Fuliada, anotar a do 22 de febreiro, Fuliada da Mourela pra acá en Cernado. Esta desenvolverase, a partir das 11:00 h. e como manda a tradición, co permiso (a solicitude formal acompañada da corna e en verso para que un fulión poda entrar á aldea), a ronda de fulión (visita polas rúas da aldea tocando os bombos, a corna, as gadañas e aixadas que marcan o ritmo para a danza das mázcaras), a fuliada (as representacións satíricas en verso sobre temas de actualidade local e internacional), e para rematar, fariñada e guateque.

Fulión Da Mourela pra acá. Foto: XMF
Fulión Da Mourela pra acá. Foto: XMF

O día grande e remate do Fulión Tradicional do Entroido de Manzaneda será o martes 4 de marzo. Ás 11:30 h, comezará o desfile de Fulións pola vila e ás 14:00 h. terá lugar o xantar popular tradicional.

Como proclaman e chufan dende o concello, nestas datas de entroido “Manzaneda soa, vibra e baila ao ritmo do fulión”.

Mázcaras no medio do Fulión. Foto: XMF.
Mázcaras no medio do Fulión. Foto: XMF.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta