Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2025 | Actualizada ás 17:15
A Xunta e a Federación de Librarías de Galicia animan á lectura cun 10% de desconto nas 13 feiras do libro que se celebrarán en 13 localidades desde o 25 de abril ata o mes de agosto, a primeira delas realizarase o vindeiro venres en Ferrol.
A Federación de Librarías de Galicia e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia presentaron este luns o novo programa conxunto de feiras do libro 2025. Un calendario que converterá as rúas en espazos de compra e lectura de libros, ademais de introducir outro tipo de actividades, como contacontos, presentacións, charlas e mesas redondas.
No acto, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou o labor das feiras, onde se vende un 35% de libros en galego, unha porcentaxe superior ao das librarías. Segundo os datos da Federación de Librarías de Galicia, nas pasadas feiras vendéronse un total de 19.278 libros nesta lingua.
Así mesmo, destacou que Galicia é a segunda comunidade con máis densidade de librarías, despois de Castela e León. Nesta liña, engadiu que, máis do 70% das compras de libros en Galicia son a través destes establecementos.
Pola súa banda, o vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Óscar Porral, animou a celebrar nestas datas a lectura non só como un acto íntimo, senón tamén como unha festa compartida.
DATAS
As xornadas comezarán o vindeiro venres 25 de abril, na praza da Constitución, en Ferrol; a continuación, o 3 de maio, terá lugar a feira de libro no paseo Central da Alameda, en Santiago de Compostela. Tamén en marzo haberá outras dúas citas, o martes 13 na praza Maior de Lugo e o xoves 29 na rúa Ramón González, no Porriño.
En xuño haberá dúas datas: o xoves 12, na Alameda de Redondela; o mércores 18, na Alameda de Ourense. Ademais, en xullo, as citas serán o martes 1 na Praza de Compostela de Vigo; o xoves 10 nos Jardínes da Xiralda de Ponteareas e o xoves 24 na Praza de Castelao de Rianxo.
Finalmente, no mes de agosto será a quenda da Coruña, o día 1 nos Xardíns de Méndez Núñez, o 12 nos Xardíns de Noriega Varela de Viveiro, o 16 na praza de Conde Fontao de Foz e o 20 na rúa do Cardeal en Monforte de Lemos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.