As redes sociais, un novo risco de suicidio entre os máis novos?

A COVID transtornou as dinámicas familiares deixando saír elementos agochados até o momento da pandemia. Logo de levantar a prohibición de saír á rúa e a volta paulatina á normalidade, as consecuencias do peche na casa deixáronse sentir no alumnado en forma de depresión, ideación suicida e outras cuestións sociais que reforzaron os riscos autolesivos entre os menores

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As autoridades sanitarias e educativas deixaron ver a súa preocupación ante o aumento de ideacións, intentos e accións suicidas entre a xente máis nova. A pandemia agrediu e abriu feridas psicolóxicas en menores de 18 anos, sobre todo entre aqueles que xa navegaban nos primeiros anos da adolescencia. Aumentaron os cadros de depresión, ansiedade, transtornos alimentarios e o uso da Internet sen responsabilidade. Diante desta situación o Goberno e as autonomías decidiron actualizar os protocolos de prevención, detección e intervención do risco suicida no ámbito educativo. Isto supuña a creación de novas estratexias coa intención de tratar os indicios de malestar e sufrimento psicolóxico para diminuir o risco de suicidio. En Galicia as consellerías de Educación e Sanidade deseñaron o Código Agarimo para dar unha resposta rápida de derivación para aqueles menores con cadros de risco suicida, como di a Directora de Coordinación do 061, Olga Dosil. A derivación implicaba a Atención Primaria, a atención á saúde mental e a coordinación desde o 061.

Arquivo - Adolescentes, mocidade. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Adolescentes, mocidade. EUROPA PRESS - Arquivo

HAI UN PERFIL?
Pode existir un perfil de menor que presente trazos de intencións suicidas? “Cada caso é un mundo” di Emilio Pallarés, profesor que ten vivido situacións de alumnado con cadros autolíticos (autolesións) e depresión. Realmente, as causísticas son moitas detrás do aumento de casos, mais non existe un perfil específico entre os menores con intencións suicidas. Esta situación dáse de maneira indiferente entre sexos, clases sociais e procedencias.

Existen sinais que evidencian a intencionalidade de cometer un acto suicida por parte dun menor? Segundo Dosil, os menores poden presentar cadros de ansiedade, autoesixencia, consumo de substancias (alcol, haxix e outras drogas), estes son sinais que darían pe a un primeiro aviso de perigo. Aínda así, algunhas veces poden identificarse de maneira máis clara trazos como o ciberacoso, cuestións internas como a orientación sexual e problemas dentro do seo familiar.

Alén de todo isto, existe un factor determinante para que un menor tome unha decisión drástica. As persoas necesitan de afecto na primeira infancia, isto axudará a desenvolver técnicas e ferramentas para o futuro e afrontar a vida, como di a psicóloga clínica Auxi Scarano. A falta deste afecto acabará cunha persoa adolescente inmadura e incapaz de levar ben as frustracións e non saberá afrontar determinados episodios na súa vida.

Sendo a adolescencia un espazo temporal e vitar moi fráxil é necesaria a figura dun adulto que acompañe á persoa adolescente. Acompañar non é sobreprotexer, porque a sobreprotección levaría tamén á limitación da persoa, non lle permitiría desenvolver ferramentas para traballar a súa persoa e afrontar situacións incómodas durante a vida.


E INTERNET?
Desde a aprobación da LOGSE, a atención ao alumnado e diversidades forma parte do traballo dos equipos que actúan en centros educativos. Así, as diferentes comunidades autónomas redactaron os seus protocolos de actuación en base ás novas medidas tomadas polo Goberno central. No caso galego está o Código Agarimo que ofrece unha serie de medidas e crea unha vía de seguemento para os e as mozas que tiveron ideacións ou intentaron suicidarse. Actualmente este programarecolle as seguintes cifras: en total hay 319 pacientes inscritos: 112 na Coruña, 28 en Lugo, 15 en Ourense e 164 en Pontevedra

“Non se falou abondo do Código Agarimo” sinala Emilio Pallarés, quen ademais de apuntar unha escasa promoción deste programa, á parte, a atención dos equipos educativos céntrase sobre todo no acoso. Mais ese acoso pode vir desde a Rede e acabar coa vida dun mozo ou moza por ser unha persoa retraída, non “cumprir cos canon estéticos”, sexting e outras vías de acoso.

O confronto destes casos conta co Plan Director que traballa a convivencia en centros escolares entre dirección, titores e departamentos de orientación. Este Plan lévao adiante a Garda Civil en colaboración cos centros. O plan busca dar ferramentas como a existencia dun adulto de referencia en quen o menor poida confiar (seus pais ou outro adulto de confianza). Este adulto contará o que sucede co menor ao equipo directivo, mais o importante é que o menor o conte canto antes mellor.

Iván Carril, responsable do Plan Director na Coruña di: “vivir coa presión das Redes Sociais é moi difícil, están conectadas as 24 horas do día”. O peor é a soidade da persoa acosada, sobre todo nunhas idades fráxiles que poden recorrer ás autolesións ou ao suicidio como saída á presión que é estar baixo as RRSS.

Carril apunta a necesidade de falar co adolescente, preguntarlle sobre que xoga, que fai e ir aprendendo disto para coñecer o mundo cibernético por onde se move o menor. Por outra parte, o control parental si pode ser eficaz mais moitos pais descoñecen o desenvolvemento das ferramentas necesarias para vixiar ou limitar determinados accesos á rede. Porén, as medidas que impulsan as mesmas RRSS poden ter unha limitación leve. “As RRSS son empresas que buscan facer negocio” lembra Carril.

A Internet non é de por si un factor de risco en tanto en canto se saiba traballar con ela. Desta maneira, faise importante a necesidade de saber que fai o adolescente na rede e con quen se conecta.

O suicidio ou as ideacións suicidas en adolescentes é un problema que debe abordarse con rigor. É certo que existen plans, programas e protocolos, mais a principal queixa desde o profesorado é a falta de persoal que cubra as necesidades creadas por eses protocolos. De calquera maneira, deben realizarse avances na comprensión do mundo adolescente e actuar con inmediatez fronte este fenómeno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta