Por Galicia Confidencial | Compostelta | 01/04/2016 | Actualizada ás 15:35
O director do xornal conservador ABC e ex director de La Voz de Galicia, Bieito Rubido, expresou este venres o seu desexo de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, continúe comandando PPdeG. “Ten unha obrigación moral de seguir liderando o PP galego e presentarse ás eleccións autonómicas”, dixo.
En declaracións á Axencia Efe recollidas por varios medios, Rubido insistiu en que Feijóo é "un dos grandes activos" do PP e "non lle queda máis remedio" que manterse á fronte do partido na Comunidade. “Tería moi difícil explicación un abandono, tanto da política como da política en Galicia", dixo.
“Neste momento difícil, no que as enquisas son un pouco menos optimistas que en anteriores citas coas urnas, se te vas, quedas moi deslexitimado para posteriores aventuras", engadiu antes de participar nunha conferencia con socios do Círculo de Empresarios de Galicia.
Por outra banda, tamén amosou a súa incerteza sobre a actual situación política que se vive na política estatal e suliñou que, “tal e como están as cousas, punta máis a unha repetición de eleccións". Con todo, non descartou “nas últimas 48 horas de que acabe o prazo, como ocorreu en Cataluña, conformen un goberno".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.