Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2025 | Actualizada ás 15:18
Os votos do PP rexeitaron a moción do BNG que demandaba a creación dunha comisión de estudo sobre a perda de produtividade nas rías galegas porque consideran que xa existe un organismo que "xa cumpre" con esta función, denominado 'Redemar'. Así o defendeu o deputado Miguel Fidalgo no debate da iniciativa dos nacionalistas durante a mañá deste martes na Cámara autonómica, onde a deputada do BNG Rosana Pérez acusou á Xunta de inacción ante os problemas para o sector marisqueiro.
Na súa primeira intervención, Pérez sinalou que "só uns días despois" de que o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, "non soubese contestar" o Parlamento sobre a situación nas rías "o propio presidente" da Xunta, Alfonso Rueda, "recoñeceu publicamente o que o BNG reclama desde hai anos", que é preciso "saber o que está a pasar no marisqueo". Para a nacionalista, a Xunta "non fixo nada" durante 17 anos en asuntos como os seguros de produción marisqueira ante inclemencias meteorolóxicas ou para paliar a falta de produción propia de semente; "e agora están preocupados".
"Non me estraña", engadiu antes de subliñar a urxencia que, para o BNG, ten a configuración dun organismo encargado de dilucidar os porqués da baixada de produtividade dos bancos marisqueiros. "Temos o mellor marisco do mundo. Galicia Calidade", reivindicou o deputado do PP Miguel Fidalgo ao comezo dunha intervención na que defendeu que Galicia "está a ser modelo para a UE de como se xestiona o marisqueo". "Non lle parece demagóxico vir criticar á Xunta cando o seu traballo se recoñece na Unión Europea?", espetou o popular á deputada frontista, ante a que esgrimiu que a Xunta conta con 'Redemar', unha entidade que conta coa participación de universidades e outros organismos para analizar a situación do sector pesqueiro e marisqueiro.
Por iso, xustificou o rexeitamento á inciaitiva do BNG ao entender que a súa demanda xa está cuberta por parte dun Goberno galego que, di, está centrado en "recuperar" os bancos marisqueiros a través de medidas de restauración e un plan de competividade do sector marisqueiro. Na súa quenda de peche, Rosana Pérez replicou que ese plan de competitividade é "o gran bulo" do PP, que "non existe" como evidencia a, di, negativa da Consellería do Mar a facilitala aos grupos.
No debate tamén participou o parlamentario socialista Xullo Abalde, que tamén cargou pola falta de respostas da Consellería do Mar á perda de biodiversidade nos bancos marisqueiros. O deputado do PSdeG, así mesmo, preguntouse "cantos deses 123 millóns de euros" prometidos por Mar "van ir dedicados a axudar ás persoas" que padecen as consecuencias da caída de produtividade nas rías.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.