Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 26/02/2025 | Actualizada ás 14:42
O secretario xeral de UGT Galicia, José Antonio Gómez, deixou o liderado do sindicato despois de 20 anos nun discurso de despedida no que fixo un chamamento a actuar de inmediato ante o "auxe da ultradereita". UGT Galicia celebra este mércores e xoves o seu 14º Congreso Nacional aínda coa incógnita de quen sucederá a Gómez no cargo, xa que a presentación de candidaturas non se abrirá de forma oficial ata as 19.00 horas deste mércores, aínda que se prevé que o secretario xeral de UGT A Coruña, Anxo Igrexas (traballador de banca), e o secretario xeral de Ourense, Cristóbal Medeiros (traballador antincendios de Tragsa), se disputen o cargo de novo secretario xeral.
"Non é un día fácil para min", afirmou Gómez ao comezo da súa toma da palabra. "Trémenme as pernas pola responsabilidade de recoñecervos e agradecervos", dixo, non polo recoñecemento a el mesmo, senón "ao papel de UGT Galicia". Así, Gómez avisou de que "os ventos de cola non son propios" ante "o auxe da ultradereita" e réximes que camiñan cara á "autocracia ou plutocracia", o que provoca que "a democracia se estea debilitando en occidente". Considera que a vitoria de Donald Trump en Estados Unidos debe ser un axente catalizador" para que Europa actúe, "sen máis demoras", para reducir a distancia de separación coas primeiras economías do mundo. Nesta liña, lamenta o uso que fai "o fascismo" da inmigración, así como a "falta de respecto" ás institucións democráticas.
A continuación reivindicou o papel das administracións públicas e o Estado. E é que advirte da "polarización política" e "desinformación" nun "ambiente de malestar cara ás institucións públicas", con perda de valores como a solidariedade. No seu discurso, tamén deu conta da importancia do diálogo social, "imprescindible" para poder avanzar, unido a unha política industrial "ambiciosa" e o mantemento de servizos públicos. Por iso, apela a traballar fronte á "precariedade, desigualdades e inxustizas". O seu peche foi para lembrar a figura do fundador de UGT, Pablo Iglesias, e animar a seguir os seus principios de "solidariedade, igualdade, internacionalismo, pluralidade, democracia e xustiza social". "A unión é a nosa forza. Viva a Unión Xeral de Traballadores e Traballadoras!", concluíu.
RUEDA: "FÍXOO MOI BEN PORQUE ANTE TODO FOI PERSOA"
Neste congreso tamén participou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen acudiu para "render homenaxe" ao traballo con "lealdade, firmeza e coherencia na defensa das súas posicións" de Gómez durante estes anos, "unha persoa que, sinceramente, fíxoo moi ben porque ante todo foi persoa". "Para chegar a acordos fan falta interlocutores que fagan dúas cousas: ser capaces de trasladar o que pensa a xente á que representan e ter a autoridade necesaria para aterrar eses acordos e que se cumpran. E é o que fixo José Antonio durante estes anos", valorou. Remarca que a Xunta é a "primeira empresa" de Galicia co seu persoal de 100.000 traballadores, polo que Rueda ponse "a disposición" da nova dirección de UGT Galicia para continuar con acordos no marco do diálogo social.
MÁIS RECOÑECEMENTOS
Na apertura do 14º Congreso Nacional, a secretaria xeral de CC.OO. Galicia, Amelia Pérez, agradeceu que "foi fácil traballar" con Gómez. "Púxome as cousas fáciles cando cheguei a esta organización", afirma. Asegura que a man do seu sindicato "estará sempre tendida". O delegado do Goberno, Pedro Blanco, levouse unha sonora ovación polo seu pasado como responsable xurídico do sindicato. Dixo non crer moito nas despedidas, polo que sostén que se trata dun "punto e seguido" para José Antonio Gómez, a quen agradeceu o seu traballo e con quen se abrazou ao terminar de falar. Así mesmo, reivindicou a "forma de gobernar" do Executivo central que axunta crecemento económico con consolidación de dereitos como a redución da xornada laboral.
Así mesmo, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, agradeceu o traballo "de forma discreta e humilde" do secretario xeral saínte pola consecución de "moitos dereitos" para os traballadores. Está previsto que na tarde deste mércores se presenten as candidaturas oficiais a novo secretario xeral de UGT Galicia, ao que seguirá a votación de máis de 150 delegados, entre outros puntos da orde do día. A proclamación oficial do novo líder realizarase na xornada deste xoves, 27 de febreiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.