Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 26/02/2025 | Actualizada ás 17:53
A Xunta alegou que o desenvolvemento da estación intermodal de Vilagarcía de Arousa depende de "acordar" co concello arousán o destino da actual terminal. Así respondeu o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, a unha pregunta oral formulada pola deputada do PSdeG Paloma Castro durante o pleno do Parlamento de Galicia celebrado este mércores.
Calvo apuntou que o Goberno galego trasladou un proxecto ao concello vilagarcián para a construción dun intercambiador intermodal e a reurbanización da contorna, pero que a súa execución depende do uso que se lle dará á vella estación. Ademais, sinalou que a intermodalidade require "adaptacións de horarios e itinerarios" que "pode afectar a usuarios doutros municipios", polo que instou ao concello a articular "unha oferta suficiente de medios de transporte e combinalos para que o transporte público sexa unha alternativa real ao vehículo particular".
Na súa quenda, a deputada socialista cualificou de "indigno" o "incumprimento" do compromiso da Xunta de construír a estación intermodal de Vilagarcía, cuxos veciños "tardan máis en chegar ao Grove que a Madrid". Por iso, reclamou á Xunta que "goberne para os 110.000 habitantes do Salnés cumprindo co seu compromiso de construír unha estación intermodal" en Vilagarcía, tendo en conta que o goberno local logrou a cesión dos terreos de Adif reclamados por Infraestruturas, que deu " a calada por resposta e non volveron reunirse nin contestar os requirimentos" do municipio gobernado polo Partido Socialista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.