Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 09/03/2025 | Actualizada ás 12:00
Para dar a entender que unha persoa é moi lenta ou calmosa, ou polo menos bastante máis lenta ou calmosa do se considera normal ou aceptable á hora de facer algo, en castelán non é estraño escoitar, entre outras secuencias, que é más lento que una tortuga.
En galego contamos cunha boa chea de fraseoloxismos (de feito, imos dividir este artigo en dúas entregas por norte de facer máis asimilable e “dixerible” a carga informativa) que fornecen ese mesmo significado, entre eles os que deseguido se van pór de manifesto:
Ser más lento que una tortuga
Ser más lento que un caracol
{= Ser alguén moi lento ou calmoso, ou ser bastante máis lento ou calmoso do que se considera aceptable ou normal á hora de facer algo.}
Ser bo para ir buscar a morte # para ir chamar a morte
Ser o tal para ir buscar a morte # para ir chamar a morte
Ser bo para ir pola morte
[E MAIS]:
Non ser para un apuro
Ex.: Te lo deja todo niquelado, que es muy curioso trabajando, pero te aconsejo que le trates el precio a tanto alzado, porque también es más lento que una tortuga.
Déixacho todo empatenado, que che é moi curioso traballando, pero aconsélloche que lle trates o prezo ó axuste, porque tamén che é bo para ir buscar a morte ‡ porque tamén che é bo para ir chamar a morte ‡ porque tamén che é o tal para ir buscar/chamar a morte ‡ porque che é bo para ir pola morte ‡ porque non che é para un apuro.
● Tamén:
Ser máis lento ca un caracol # ca un cascarolo # ca un sapoconcho # ca unha tartaruga && Ser máis lento ca un carro cansón # có carro da paciencia # có carro da obra && Ser coma unha reuma
● E tamén:
Ser máis lento ca un sapo pola cinza # ca un sapo pola area # ca un sapo por entre as muruxas # ca un piollo pola cinza # ca un piollo en/na costura
Ex.: Déixacho todo empatenado, que che é moi curioso traballando, pero aconsélloche que lle trates o prezo ó axuste, porque tamén che é máis lento ca un cascarolo ‡ porque tamén che é máis lento ca un sapoconcho ‡ porque tamén che é máis lento ca un carro cansó ‡ porque tamén che é máis lento ca un sapo pola cinza ‡ porque tamén che é máis lento ca un piollo en costura ‡ porque tamén che é coma unha reuma.
● E mais tamén:
(Ser dos que) Pedirlle permiso a unha perna para mover a outra && (Ser dos que) Pedirlle permiso a unha man para mover a outra && (Ser dos que) Para mover unha perna ten que lle pedir permiso á outra && (Ser dos que) Non lle escapan os bois coa grade
NOTAS:
1. Inda que naqueles fraseoloxismos que se manifestan por medio dunha comparanza o que fixemos foi optar por explicitar a de superioridade (ser máis lento ca...), tamén é perfectamente válida e empregable a comparanza de igualdade, tanto na súa forma plena (ser tan lento coma...) coma na súa forma reducida (ser [lento] coma...).
Ex.: Déixacho todo empatenado, que che é moi curioso traballando, pero trátalle o prezo ó axuste, porque tamén che é máis lento ca un cascarolo ‡ tan lento coma un cascarolo ‡ (lento) coma un cascarolo.
2. Coidamos realmente enxeñosos os catro primeiros fraseoloxismos: as persoas lentas, vagarosas ou tardeiras no seu actuar e facer son precisamente as tales ou indicadas para ir chamar a morte, pois van tardar ben de tempo en facelo e, xa que logo, van vivir máis anos, o cal é unha aspiración ancestral do ser humano.
3. Obviamente, o fraseoloxismo castelán más lento que una tortuga tamén se aplica moitas veces a cousas que andan ou van bastante máis lentas do que desexariamos ou do que entendemos que sería máis ou menos normal:
Ex. (1): ¡Pero cómo va a ganar la carrera, si tiene un coche que va más lento que una tortuga!
Ex. (2): Hay que tener paciencia, chica, que mi internet va más lento que una tortuga.
Casos estes en que para o galego tamén se pode botar man dos fraseoloxismos indicados no artigo, se ben que é certo que os catro primeiros se aplican, máis ca nada, a persoas, pois son as persoas as que, no seu sentido literal, morren, e non as cousas. Sexa como for, si que temos escoitado algunha outra vez, con evidente ampliación do seu sentido recto, algunha desas primeiras catro expresións aplicada tamén a cousas.
Ex. (1): ¡Pero como vai gañar a carreira, se ten un coche que é bo para ir chamar a morte ‡ se ten un coche que non é para un apuro ‡ se ten un coche que vai máis lento ca un cascarolo ‡ se ten un coche que vai máis lento ca un sapoconcho ‡ etc.!
Ex. (2): Hai que se encher de paciencia, moza, que a miña internet éche boa para ir chamar a morte ‡ non che é para un apuro ‡ vaiche máis lenta ca un cascarolo ‡ vaiche máis lenta ca un sapoconcho ‡ etc.
4. En relación coa locución ser máis lento ca un piollo en/na costura temos rexistrada tamén (tirada do traballo “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”, de Mª Victoria Cerviño Fermín) a de ser # estar coma o piollo na costura, que dá a entender que alguén quedou estancando en algo ou non dá avanzado en algo. Ex. (tirado ó dereito do referido traballo):
Hai media hora que empezaches a escribir esa redacción e non dás acabado. Estás coma o piollo na costura.
E tal e como se manifesta na dita fonte para explicar a posible orixe do fraseoloxismo: “[N]outros tempos os piollos escondíanse nas costuras da roupa, de onde resultaba moi difícil sacalos”.
5. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas (xuntamos as fontes das que foron tiradas as expresións tanto desta entrega coma da seguinte):
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Barbeito Lorenzo, María Dolores: “Frases feitas do Concello das Neves”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 293-301. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán, de entre 1928 e 1931. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Castro Otero, Salvador et alii: “Largando aparellos nos caladoiros do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 22, 2020, páxs. 231-256. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Da Cerna: “Ditos, frases feitas e refráns”, no blog “Da Cerna”, accesible no enderezo https://dacerna.blogspot.com/p/ditos-e-frases-feitas.html
- Domínguez Rial, Evaristo: “Fraseoloxía e paremioloxía de Bergantiños (Cabana de Bergantiños, Carballo e Coristanco”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 13, 2011, páxs. 301-404. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.
- Ferro Ruibal, Xesús: “Locucións e fórmulas comparativas ou elativas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 179-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ferro Ruibal, Xesús & Surribas Díaz, Noelia: “Locucións, fórmulas e paremias galegas anotadas por Couceiro Freijomil (1888-1955)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 319-355. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/.
- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ibáñez Fernández, José: Diccionario galego da rima e galego-castelán, publicado en 1950. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Leiras Pulpeiro, Manuel. Vocabulario elaborado por Manuel Leiras Pulpeiro, datado en 1906. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- López Barreiro, Margarita: “Frases feitas do Cachafeiro (Forcarei)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 317-327. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Lugrís Freire, Manuel: Gramática do idioma galego (2ª edición, corrixida e aumentada). A Coruña, Imprenta Moret (Galera, 48), 1931.
- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Soto Arias, María Rosario: “Novas catas no campo nocional dos peixes e outros animais mariños”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 97-123. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- VV.AA.: Unha maré de palabras (Contribución ao léxico do Morrazo). Xunta de Galicia–Museo Massó, 2005.
- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.