Por Galicia Confidencial | Ourense | 10/03/2025 | Actualizada ás 11:51
A Mesa pola Normalización Lingüística convoca unha concentración en apoio da única toponimia oficial de Ourense esta quinta feira (xoves) diante dos xulgados desta urbe, coincidindo co xuízo polas supostas actuacións nun balado que promovía a deturpación do nome da cidade das burgas impulsado desde a entidade Hablemos Español. A mobilización terá por lema Ourense polo seu nome e pódese apoiar na rede, a través da asinatura do manifesto polo respecto á legalidade na toponimia dispoñíbel aquí.
O presidente da entidade de defensa da lingua, Marcos Maceira, recorda que "as campañas recorrentes contra a toponimia galega son un ataque á nosa dignidade colectiva que non podemos admitir e do en moitas ocasións participan directamente organismos públicos". "Ademais de balados insultantes ou chamamentos a incumprir a lei", denuncia, "encontrámonos frecuentemente con vulneracións da lei promovidas desde institucións públicas".
Maceira apunta que o artigo 10 da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística recolle que “os toponimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”, o que se contempla tamén en acordos internacionais como a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas ou o Convenio marco para a protección das minorías nacionais, promovidos polo Consello de Europa. "O acordo da sociedade galega respecto á denominación dos nomes dos lugares é unánime", afirma o presidente da Mesa, "e só é cuestinado desde postulados ideolóxicos que desde o supremacismo lingüístico e cultural pretenden, desde fóra, sementar a división e o enfrontamento no noso país", sentencia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.