Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/04/2016 | Actualizada ás 09:00
O expresidente galego e exlíder do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, fala pouco en público pero, cando fala, é claro e directo. E, nesta ocasión, a súa mensaxe foi con puntería. “É xusta e necesaria unha alternativa en Galicia”, dixo.
En declaracións aos medios durante a súa participación nun acto de homenaxe aos expresidentes da Cámara galega, Touriño confiou en que as forzas de esquerda poidan arrebatarlle o poder ao PPdeG. Pero antes, suliñou, é necesario, que o seu partido “acerte” co candidato. Esta opinión coincide coa manifestada polo ex ministro de Justicia, Fran Caamaño, nunha entrevista no GC na que salientou a necesidade dun pacto coa marea para botar ao PPdeG de Galicia.
“Confío en que o meu partido saiba elixir o candidato e que, unha vez máis, poida acertar", salientou. "Seguro que o pobo galego, que é sabio, saberá elixir o seu futuro unha vez máis con acerto e pondo á fronte a mellor opción, alternativa e proxecto para este país", engadiu.
Esta é a segunda vez que Touriño fai declaracións sobre a situación política logo de meses de silencio. A última foi hai unhas semanas durante a presentación dunha tese doutoral do ex dirixente de Compromiso por Galicia, Paulo Carlos López, onde coincidiu co exvicepresidente da Xunta, Anxo Quintana.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.