Euskadi terá competencias sobre meteoroloxía, que tamén reclama Galicia

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/03/2025 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

O Executivo central e o Goberno vasco ratificaron este xoves na comisión bilateral entre ambas as administracións o traspaso a Euskadi das competencias sobre permisos de traballo a persoas estranxeiras e sobre meteoroloxía, así como a cesión gratuíta da antiga sede da Aemet en San Sebastián.

Así o explicou a portavoz do Executivo vasco e conselleira de Gobernación, María Ubarretxena, nunha rolda de prensa tras a reunión da comisión bilateral que mantivo este xoves co ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres. Segundo explicou a conselleira, a competencia sobre permisos de traballo para persoas estranxeiras "servirá para poder completar os criterios de acollida" das persoas migrantes e "facilitar a súa integración".

En concreto, a Administración vasca cualificará as autorizacións de traballo por diferentes motivos, como a cura da enfermidade, por motivos de estudo ou servizos de voluntariado ou actividades formativas, mentres que o Estado poderá participar nas contratacións en orixe e o Goberno vasco encargarase de verificar algúns asuntos para logo facilitar a obtención do permiso de residencia que emite o Goberno central. Esta transferencia será xestionada polo departamento que lidera o vicelehendakari segundo e conselleiro de Emprego, Miquel Torres.

EUSKADI EMITIRÁ AVISOS METEOROLÓXICOS

Coa competencia de meteoroloxía, que na actualidade reclama Galicia, Euskadi poderá emitir avisos e alertas de impacto meteorolóxico. "O traspaso ten unha vinculación directa coas políticas de prevención de catástrofes naturais e tamén coa loita contra o cambio climático", sostivo a conselleira vasca.

Así mesmo, o Goberno vasco participará en organismos internacionais como a Organización Meteorolóxica Mundial, o Foro de Usuarios Copernicus, o Centro Europeo de Predición a medio prazo ou o Grupo de Observacións da Terra.

Un coche circula por unha estrada alagada polo desbordamento do río Anllo,
Un coche circula por unha estrada alagada polo desbordamento do río Anllo, | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta