Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 06/03/2025 | Actualizada ás 13:16
O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego reivindicou que "nacións" como Galicia ou Cataluña teñan "capacidade de autogoberno" tras as competencias a esta última en materia de inmigración.
A preguntas dos xornalistas, tras reunirse con representantes do sector do 'call center', indicou, sobre a medida adoptada polo Goberno central, que a formación nacionalista estudará "esa proposta" para adoptar "unha decisión". "A xustificación que teña, como se fai, temos que analizalo", engadiu.
"En Galicia non temos nin condicións previas para asumir unha cuestión como esta porque non se despregou unha policía galega que está creada desde 2007", recalcou facendo referencia, ademais, ás manifestacións neste sentido da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. "Aspiramos a que Galicia teña capacidade para gobernarse plenamente por si mesma", engadiu para rexeitar "acusacións" que, ao seu xuízo, están a incorporarse a unha cuestión como a "capacidade do autogoberno".
"Falamos de competencias da Administración, esas competencias en mans do Estado tamén poden ter usos perversos se quen goberna así o quere, non é un problema de que as competencias sexan de Cataluña", remarcou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.