Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 06/03/2025 | Actualizada ás 16:04
O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego avanzou que esta formación promoverá iniciativas no Congreso e no Senado para que se garanta o emprego no sector do 'call center'. Así o manifestou tras unha reunión, no grupo municipal do BNG no consistorio coruñés, con presenza, entre outros, do seu portavoz, Francisco Jorquera e do representante da CIG e traballador do sector, Sergio Touzedo.
"Hoxe o Goberno español é accionista fundamental de Telefónica e ten que contribuír a que se manteña o emprego e segaranta a protección de datos", expuxo Rego, quen tamén instou ao Parlamento de Galicia e ao Concello da Coruña a que actúe "ante os problemas existentes" no sector. A formación nacionalista reclama que os poderes públicos interveñan para evitar a deslocalización do servizo, "buscando aforrar custos", e asegurar o mantemento dos postos de traballo con condicións laborais "dignas" para garantir unha "atención de calidade" ás persoas consumidoras. Así mesmo, recalcou o "dereito fundamental" dos usuarios a ser atendidos na súa propia lingua, en galego.
Na actualidade, na Coruña, concretou, perigan "máis de 600 postos de traballo". Fíxoo tras insistir en que que estes centros de chamadas deben garantir o cumprimento da lei de protección de datos "algo que non sempre ocorre en terceiros países". Ademais, incidiu en que a irrupción da Intelixencia Artificial neste sector pode provocar a "perda de emprego e a precarización" do servizo. Pola súa banda, Sergio Touzedo, traballador e sindicalista CIG, pediu "non só o mantemento do emprego senón un aumento" do mesmo e coincidiu co representante nacionalista en que nos últimos anos a deslocalización dos centros traduciuse en "un empeoramento da calidade do servizo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.