Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2025 | Actualizada ás 17:27
Os grupos do BNG e do PPdeG encerelláronse este xoves nun cruzamento de acusacións no seo da Comisión 5ª do Parlamento nun debate que viraba en torno ao 8M e que estivo infestado de referencias ao cartel da CIG sobre a conselleira Fabiola García e á reunión do presidente Alfonso Rueda con integrantes do goberno de Javier Milei en Arxentina.
O debate, con criticas dos nacionalistas a que Rueda "estea de ganchete co Goberno fascista de Milei" e petición dos populares para que o BNG condene o debuxo da plataforma sindical, contou tamén coa intervención da directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, que comparecía para informar da campaña institucional do 8M e das medidas da Xunta en materia de igualdade.
A confrontación iniciouna a nacionalista Noa Presas na súa primeira quenda de intervención, no que criticou os contactos previstos entre o presidente da Xunta e membros do "goberno fascista" de Javier Milei, un executivo que, dixo "está a ir a por os dereitos das mulleres" con medidas como "derrogar e penalizar o exercicio do dereito ao aborto". "É lamentable que o presidente da Xunta estea hoxe lavando a cara deste Goberno absolutamente fascista", engadiu.
UN "FEMINISMO HIPÓCRITA"
A continuación, na súa quenda de intervención, foi a popular Raquel Arias a que sacou a colación o cartel da CIG para lamentar "a deriva do BNG tamén en materia de igualdade", apostando "claramente por un feminismo sectario e excluínte, un feminismo hipócrita".
Arias cargou contra a portavoz nacional do BNG, que este mércores presentaba a campaña do seu partido polo 8M, para criticar que "semanas despois siga sen condenar o cartel da CIG criticando á conselleira de Política Social polo feito de ser muller". "Claro que dentro do PP consideramos que a actividade política dunha muller, igual que a dun home, é criticable, pero isto non é unha crítica laboral, isto é unha crítica a unha muller política pola súa condición de muller", apostilou.
Para o PPdeG, se Ana Pontón "non censura claramente" este debuxo "está a demostrar ou que comparte o machismo ou que está sometida aos ditados da CIG e da UPG" que "non a deixan actuar libremente". "O feminismo de Ana Pontón si é un bulo, porque non se é feminista se cando atacan a unha muller que non pensa como as túas miras para outro lado", engadiu.
"CERO LECCIÓNS DE FEMINISMO"
Na súa segunda intervención, Noa Presas cargou contra os populares por esta cuestión aducindo que poden dar "cero leccións de feminismo" e acusáronos de promover unha "campaña de difamación".
Presas preguntou aos populares "onde estaban" cando Núñez Feijóo "dixo que a portavoz nacional do BNG estaba desesperada" ou "cando se lle acusa, sesión de control tras sesión de control, de auto victimizarse", e acusoulles de "non ter ningún tipo de límite moral". "Poen insistir nun bulo unha e outra vez, pero non por iso vaise a converter en realidade", dixo, "leccións de feminismo do partido que cuestionou o dereito ao aborto e agora abraza ao fascista Milei, ningunha", profundou.
Para Noa Presas "a única deriva que hai" é "a do PP, un partido cada vez máis radical e máis hibridado co fascismo, co negacionismo e co peor da política estatal e internacional". "Nin medo nin vergoña, nin ante o fascismo, nin ante o machismo, nin ante as estratexias cada vez máis macarras e carroñeras do Partido Popular", concluíu a deputada nacionalista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.