Comparecencias a petición propia en todas as comisións: a oposición denuncia a estratexia para "recortar" preguntas de control

Esta semana producíronse comparecencias a petición propia de altos cargos da Xunta en todas as comisións que se celebraron: Pesca, Agricultura, Ordenación Territorial e Economía.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2025 | Actualizada ás 16:01

Comparte esta noticia

A oposición denuncia unha estratexia da Xunta de sucesivas comparecencias a petición propia en comisións parlamentarias para "recortar" preguntas de control dos grupos ao Goberno galego. O pasado martes, durante unha Comisión de Pesca que se iniciaba cunha comparecencia da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, a deputada do BNG Rosana Pérez queixouse de que a Xunta ten pedidas sete comparecencias que supoñen á oposición "recortar a posibilidade de iniciativas". Por iso, avisaba de que o Bloque sopesará "tomar decisións" ante o que considera "ningunear ao Parlamento".

Xa o mércores, na Comisión de Ordenación Territorial, Luís Bará (BNG) mostrou a súa "queixa e denuncia" polo que considera un intento da Xunta de "boicotear" o labor da oposición ao vetar o debate de dúas iniciativas dos nacionalistas nesa sesión. Alertou dunha "manobra planificada para reducir a capacidade de control". Considera que debe ser "compatible" que haxa comparecencias con manter máis iniciativas a debate presentadas pola oposición.

Precisamente, este mesmo xoves, Carmen Rodríguez Dacosta (PSdeG) tachou de "auténtica tomadura de pelo" a intervención do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, por pedir comparecer na Comisión de Economía sobre un programa de axudas para autónomos para logo falar de "todos os programas habidos e por haber", ademais de abordar outros temas como datos do paro. Tamén se queixou de que non se achegue aos deputados unha memoria de actuacións. Non entanto, cre necesario que os cargos da Xunta realicen comparecencias. Sobre esta queixa, o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, deu a razón á deputada socialista en que o tema sobre o que ía comparecer o secretario xeral xa era de "suficiente enxunlla" para "acoutar" a súa intervención a esa cuestión.

Comisión de Pesca
Comisión de Pesca | Fonte: PARLAMENTO - Arquivo

En cambio, a deputada popular Noelia Pérez dixo que lle sorprende "a crítica" por esta comparecencia. Pregúntase "que drama" hai en que un responsable de emprego "veña a falar da situación de emprego autónomo". Mentres, o secretario xeral de Emprego defendeu que fixo unha "contextualización" sobre o tema que ía tratar e dixo que non sabía que tiña que "entregar unha memoria" cando vai comparecer. Recoñece que o título sobre a materia da que ía falar "podería ser máis extenso". Esta semana producíronse comparecencias a petición propia de altos cargos da Xunta en todas as comisións que se celebraron: Pesca, Agricultura, Ordenación Territorial e Economía.

COMPARENCIA

Na súa intervención deste xoves, o secretario xeral de Emprego destaca a Estratexia Impulso Autónomo Horizonte 2027, dotada con máis de 360 millóns de euros, cun paquete de medidas do que se executou ao redor do 40 %. Tamén lembrou que en xaneiro se lanzou, por primeira vez, unha orde unificada de axudas para autónomos para facilitar a tramitación, dotada con máis de 40 millóns de euros. Valora que levan recibidas 5.110 solicitudes ata comezos de marzo, polo que avanzan a "bo ritmo". Pablo Fernández resalta que o peso dos autónomos en Galicia é do 20 % sobre a poboación afiliada, case catro punto máis que a media estatal. A comunidade conta con 211.075 autónomos, cun ascenso en febreiro de 2025 respecto ao mes anterior. Galicia é a autonomía con maior peso das mulleres neste ámbito, xa que supoñen máis do 40 % das afiliacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta