O PPdeG agarda que Sánchez veña a Galicia "a pedir perdón aos galegos": "Máis Sánchez sempre significa menos Galicia"

Paula Prado reivindica a Feijóo ante un presidente do Goberno "rodeado de corrupción sistémica".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2025 | Actualizada ás 15:32

Comparte esta noticia

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou que espera que o presidente do Goberno e líder do PSOE, Pedro Sánchez, veña o domingo a Galicia ao Congreso dos socialistas galegos a "pedir perdón aos galegos por todos os agravios" e non a "dar leccións" na súa "primeira visita a Galicia en máis dun ano". Así o manifestou nunha rolda de prensa este xoves que iniciou reiterando as condolencias do PPdeG polo falecemento da a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e trasladou "a mellor das sortes ao próximo alcalde, Miguel Fernández".

A continuación, Paula Prado puxo o foco na presenza de Pedro Sánchez este domingo no Congreso do PSdeG, onde espera que pida "perdón" polo "deixamento dos seus ministros", así como polos "desprezos en infraestruturas, polo traspaso de competencias" ou por "enganar" coa condonación da débeda. "Aquí, máis Sánchez sempre significa menos Galicia", asegurou tras destacar que esta semana "lembrou ás anteriores", con "máis cesións ao independentismo e máis agravios a Galicia", exemplificando coa "prórroga 37 da transferencia da AP-9".

Para Paula Prado, o traspaso das competencias en materia de migración a Cataluña é "unha humillación dobre" ao transferir "competencias exclusivas do Estado en materia de estranxeiría e negocialo noutro país". "Temos un Goberno que non goberna e segue cedendo ás esixencias de Puigdemont e á chantaxe do independentismo", opinou a número dous dos populares galegos, que tamén insistiu en que España "merece un presidente que non estea rodeado de corrupción sistémica". "España merece un presidente como Alberto Núñez Feijóo", apuntou.

CONGRESO PSDEG

Así mesmo, preguntada por como ve ao PSdeG ante o Congreso que celebra esta fin de semana, Prado asegurou que o ve "como sempre": "Os socialistas de Galicia son os máis sumisos a Pedro Sánchez, unicamente fan de correa de trasmisión de todo o que lle manda Moncloa". Segundo a secretaria xeral do PPdeG, sería "un bo momento" para que o PSdeG "puxese enriba da mesa a Pedro Sánchez todas estas cuestións" e instou aos socialistas galegos a "reflexionar" se lles "compensa seguir sendo o altofalante do señor Sánchez en Galicia". "Canto máis traen a Sánchez, menos votos teñen", ironizou.

VIVENDA PARELLA DE FEIJÓO

Por outra banda, preguntada pola decisión de Concello de Moaña de presentar unha alegación contra a solicitude de Eva Cárdenas, parella do presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, de concesión do terreo público que permite acceder á praia do Con desde unha vivenda da súa propiedade, Paula Prado insistiu en que se trata dun "procedemento administrativo regulado pola lei" e volveu a reiterar que "todas as partes teñen que cumprir a lei".

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, antes dunha rolda de prensa
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, antes dunha rolda de prensa | Fonte: PPDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta