O convento de Santa Clara, en Pontevedra, é moito máis antigo do que se cría e xa tiña no século XIV tres edificios

O descubrimento dunha antiga cimentación revela a definición do núcleo orixinario do convento de Santa Clara para confirmar que o recinto é moito máis antigo do que se cría e que estaba composto por tres edificios.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 10/03/2025 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

O descubrimento dunha antiga cimentación revela a definición do núcleo orixinario do convento de Santa Clara, en Pontevedra, de principios do século XIV para confirmar que o recinto é moito máis antigo do que se cría e que estaba composto por tres edificios. O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez compareceu este luns no recinto conventual acompañado do arqueólogo, Rafael Rodríguez para comunicar con "satisfacción" este achado "realmente importante" que vai reescribir "a historia da cidade". "Santa Clara é un reto", destacou o vicepresidente que explicou que o proxecto do estudo de arquitectura Nieto-Sobejano xa incluirá a musealización deste achado. "Isto non vai atrasar para nada a obra", asegurou Rafa Domínguez.

Antiga cimentación no convento de Santa Clara
Antiga cimentación no convento de Santa Clara | Fonte: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Dirección Xeral de Patrimonio, da Consellería de Cultura, tamén foi informada deste descubrimento realizado durante as catas arqueolóxicas levadas a cabo para valorar a cimentación do edificio dentro do proxecto de rehabilitación para converter a Santa Clara na oitava sede do Museo de Pontevedra. En total fixéronse 13 sondaxes de 2x2 metros e esta nova cimentación que se atopou aparece en tres delas nas que se poden ver uns "muros potentes" e unha división interna con arco, que se sitúan de maneira paralela ao alzado actual. Santa Clara fúndase en 1310 segundo consta na documentación medieval que se conserva do convento.

Concretamente consérvase o documento principal da doazón de Dona Maior Pérez do recinto con Leonor Rodríguez como primeira abadesa. Pero nese ano os arqueólogos non tiñan aínda moi claro que había. Saben que estaba a igrexa pero descoñecían se tamén o estraño claustro de tres cuadrillas se atopaba xa configurado e se existía nese momento o edificio anexo. "Grazas ao que se acaba de atopar agora, estes pequenos tramos de cimentación de muro e de arranque dun arco, sabemos que é un edificio e que se conformaría unha gran estrutura conventual xa a comezos do século XIV", explicou o responsable do servizo de arqueoloxía da Deputación de Pontevedra.

Ese edificio medieval modificouse no século XV, tal e como se recolle na documentación que sinala como en 1448 modifícase a Sala Capitular que, xunto á igrexa, é o núcleo central do convento. "No arranque de Santa Clara como convento pois xa temos tres edificios superpotentes" que serían a igrexa e dous pavillóns paralelos. Ademais desta cimentación que se acaba de atopar, axudan a datar no século XIV esta parte do convento as medicións radiocarbónicas realizadas nalgúns dos cadáveres das monxas e en varias mostras de madeira. Todo iso ademais vén acompañado de numerosos restos de cerámica atopados que así o referendan.

"QUEBRACABEZAS XIGANTESCO"

O arqueólogo explicou que este achado: "Complementa o que xa sabiamos e dános un pulo para tratar de comprender este quebracabezas xigantesco no que estamos metidos". As novas escavacións arqueolóxicas que ten que sacar a contratación a Deputación de Pontevedra axudarán a profundar nestas investigacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta