Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 10/04/2016
Pedro Sánchez, quen inventou a moi inxeniosa xogada de atar en curto o seu Comité Federal-gobernado pola presidenta andaluza Susana Díaz e polo ex presidente Felipe González e demáis portas xiratorias-, apelando ao plebiscito da súa afiliación, non foi quén de ver máis aló e quixo tranquilizar ao Ibex 35 pactando coa dereita aseada de Albert Rivera. O papeliño que PSOE e C’s asinaron era máis ca un canto ao sol. Era a barreira infranqueábel para que as outras forzas progresistas puidesen axudarlle no parto do Goberno de progreso.
Pablo Sánchez non podía, de ningún xeito, mercar ese produto. Mais nel estiveron de máis neste proceso acenos propios dunha inxustificada fachenda. Era evidente que tiña que ser Vicepresidente se saía ese goberno, non o era que amosase unha actitude autosuficiente que agora está a fanar a súa imaxe. Nin tampouco que considerase pouco menos ca subordinados aos que só son-e non por vida- socios na estratexia de rexeneración democrática e de visibilización dunha axenda social.
Das resultas deste despropósito-madrileño sainete-Rajoy enfronta unhas máis ca probábeis eleccións no verán coa seguranza dun sólido chan electoral que lle pode dar, canda C´s unha maioría non absoluta, mais si abonda. Porque Sánchez semella vai perder a súa oportunidade e o felipismo susanista imporá un goberno de Santa Alianza.
Pensando na Galicia, compre recuperarmos o plan B e mirar polo noso. Catalunya, Euskadi, Nafarroa, o País Valencià ou as Illes seguirán a se gobernar á marxe do diktat das eleccións estatais e cumprir cadanseu proxecto. A alternativa a Feijóo ha de se presentar sólida, plural e digna de confianza. E ollar menos cara ao home do chicho morado e máis cara ás experiencias municipalistas de cambio. Máis, tamén, cara á solvencia do galeguismo canto á gobernanza pragmática e proxecto de País.