Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 13/03/2025 | Actualizada ás 21:50
A casa de Eva Cárdenas e Alberto Núñez Feijóo en Moaña atópase no centro dunha forte polémica despois de que a parella do expresidente da Xunta e actual líder do PP nacional solicitase ao Servizo Provincial de Costas de Pontevedra unha concesión ata o ano 2037 da parcela pública que permite un acceso directo da súa vivenda á praia do Con. O foco púxose sobre as posibles irregularidades que esta podía estar cometendo con respecto ao recollido na Lei de Costas en materia de dominio público marítimo-terrestre. O caso reabriu o debate sobre a ocupación do litoral en Galicia e o acceso libre ás praias, un dereito garantido pola lexislacción, pero que, en ocasións, entra en conflito con propiedades privadas. Mentres que Feijóo e Cárdenas defenden a legalidade da finca e aseguran que cumpre con todas as normativas, tanto veciños como organizacións sociais e grupos políticos expresaron publicamente a súa preocupación polo peche do acceso ao mar nunha importante zona da praia. Esta controversia trascendeu o ámbito local e converteuse xa nun asunto de interese nacional. Galicia Confidencial fala con Miguel Delgado, dirixente da Plataforma en Defensa do Sector Marítimo Pesqueiro (Pladesemapesga), o primeiro en facer saltar a voz de alarma sobre as irregularidades desta vivenda.
O primeiro que un se atopa a día de hoxe ao chegar á praia do Con, á que dá acceso esta verdadeira mansión, é un muro de contención xigantesco --210 metros cadrados-- do que xa se están a desprender certas partes. Ao fondo da praia, na súa parte esquerda vista dende o mar, unha porta de cor azul cunhas escaleiras. Sobre ela pódese observar o que tería sido nalgún momento un antigo mirador con vistas á ría: o mirador do Fiunchal, agora en ruínas e co acceso restrinxido. Nesa parte alta, cara a dereita, atópase o chalé de Eva Cárdenas e Feijóo. Acceder a esa porta de cor azul é tan sinxelo como imposible. E é que, aínda que perfectamente cando un chega á praia pode vela, un cartel vermello no que se pode ler ben grande 'Prohibido o paso' colocado sobre o muro e unha corda que vai dende o muro ata o mar delimitan a zona. Este linde podería ser sorteado facilmente, pero a advertencia é clara, polo que por precaución seguramente poucas persoas se atreverían a traspasar a marca. Desta forma, a praia do Con queda gravemente reducida para o emprego e desfrute dos veciños e visitantes que, como calquera cidadán, deberían ter o dereito de gozar da costa e dos espazos de dominio público marítimo-terrestre. "O paso está prohibido só para turistas, porque se Feijóo ou Eva Cárdenas saen pola porta baixando dende a casa, non teñen ningún cartel que llelo prohíba", ironiza Delgado.
O dirixente da Plataforma en Defensa do Sector Marítimo Pesqueiro (Pladesemapesga) leva anos nos xulgados loitando por recuperar ese espazo de acceso á praia do Con "ilegalmente ocupado". Así, conta ao Galicia Confidencial que existen diversas carencias de documentación sobre esta casa, pois "os fillos do seu orixinal propietario non podían legalizar a aceptación da herdanza e a concesión do acceso á praia porque o falecido carecía de escritura e de papeis que demostrasen a súa titularidade". Segundo apunta Delgado, a casa tería pertencido a un home moi recoñecido na zona de Moaña que ocupou importantes cargos na vila grazas á súa grande afinidade ao réxime franquista. Pola falta de papeis, esta casa caeu en desuso e estivo en estado de abandono ata que, supostamente, Feijóo puxo os seus ollos nela. E é que, segundo sinala, "esa casa realmente estivo sen existir moitos anos". Así as cousas, resalta que "a finca non era de ninguén, non tiña dono, calquera podía entrar nela e ocupala".
Sería no 2018 cando Feijóo e a súa muller lograrían facerse con ela, por medio da administradora da inmobiliaria Niebla Azul. Delgado acusa ao líder do PP a nivel nacional de "facer unha manobra para quedar con esta mansión e poñela a nome de Eva Cárdenas". Esa manobra, segundo precisa, tería sido, supostamente, "facer asinar aos herdeiros do antigo propietario unha venda de cesión dos dereitos". Con todo, lembra que, esa cesión, "necesariamente era falsa, pois os herdeiros non tiñan no seu poder ningún título de propiedade sobre a casa, porque non existía tal título". Aínda así, este papel teríalle servido a Feijóo para persoarse ante un notario no ano 2018 e realizar unha escritura de compravenda da vivenda. Unha vez feita esa escritura, xa podía rexistrar a propiedade desa finca a nome de Eva Cárdenas. Segundo sinala Delgado, o terreo que dá acceso á praia do Con "ata o ano 2016 aparecía calificado como terreo industrial consolidado rústico", é dicir, "non estaba permitido edificar nel". Deste xeito, "o Concello tiña reservado ese espazo no catastro para nun futuro facer aí un novo mirador, unha parada de autobús, un edificio público do concello ou o que decidise", expón. Sen embargo, o terreo rematou formando parte da casa actual de Cárdenas e Feijóo, pois era a través del que se tiña comunicación directa coa praia.
Con abundantes probas e documentación no seu poder, Miguel Delgado asegura que non se deterá ata que non se recupere o dominio público marítimo-terrestre desta zona. Leva xa máis dun lustro de loita, dende que a administradora da inmobiliaria Niebla Azul adquirira o chalé, e realizados ducias de trámites en diferentes administracións sen resultados frutíferos, pero, agora, tras unha intensa loita en solitario, celebra que se sumasen á súa petición de recuperar a totalidade dos 700 metros ocupados pola vivenda as alegacións presentadas polo PSdeG e o Concello de Moaña nas últimas semanas. Cómpre lembrar que foi en novembro do pasado ano 2024 cando o Servizo de Costas, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, publicaba no Boletín Oficial do Estado (BOE) que parte da vivenda de Eva Cárdenas e Feijóo tería que ser devolta ao Estado por incumplimento da Lei de Costas, ao estar ocupando unha zona de dominio público marítimo-terrestre. Así, facíase necesario o derrube do muro de 200 metros cadrados. Con todo, Cárdenas recorreu a unha antiga ordenanza para salvagardar a integridade da súa propiedade. Ela mercou a vivenda no 2018, pero no 2007 esta xa contaba cun xardín que saía directamente á praia a través da porta azul que hoxe en día se mantén. Por aquel entón, segundo a ordenanza vixente na época, aquel acceso era legal.
Así, a parella de Feijóo acóllese ao seu dereito a ampliar o uso de terreos de dominio público no marco do procedemento comezado por Costas en novembro do pasado ano. Na súa alegación, indica que ten os mesmos dereitos que o anterior propietario sobre esa superficie, que tería sido declarada como dominio público marítimo-terrestre no deslinde aprobado no 2007, pero non o era con anterioridade. Máis en concreto, reclama que se lle aplique o dereito transitorio que lle correspondía ao anterior dono da casa, o que lle permitiría desfrutar dese acceso á única praia con bandeira azul de Moaña durante 30 anos desde a data de deslinde, isto é, ata 2037. Neste intre, Costas ten abertos dous expedientes sobre esta propiedade. O primeiro é de 'recuperación posesoria' dos 210 metros cadrados, ao entender que son de dominio público e que teñen que abrirse ao uso veciñal. Este expediente someteuse en novembro a información pública e Eva Cárdenas presentou as alegacións correspondentes, das que derivou a apertura do segundo expediente para determinar se existe dereito transitorio de uso ata 2037. O PSdeG e o Concello de Moaña, así como outras entidades e asociacións, presentaron tamén as súas alegacións. O prazo para as mesmas finalizou o pasado martes 11 de marzo. Deste xeito, a recuperación por Costas quedou paralizada ata a resolución destas alegacións e arquivaríase se finalmente se dá a razón aos argumentos esgrimidos por Cárdenas e se esta demostra a concesión de uso. En caso contrario, Costas reactivaría o seu proceso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.