Anulada parte dun decreto da Xunta por "privatizar" de forma parcial medidas de avaliación ambiental

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, acolle o recurso interposto pola Confederación Intersindical Galega e declara desconformes a Dereito os artigos 27 e 28.1. inciso final, así como o 29.5 do Decreto

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2025 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou parcialmente o decreto da Xunta polo que se reguralon as Entidades de Colaboración Ambiental (ECA) e creouse o rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental de Galicia e o banco de persoas expertas en avaliación ambiental ao entender que supón unha privatización parcial dos procedementos de avaliación ambiental.

Desta forma, a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, acolle o recurso interposto pola Confederación Intersindical Galega e declara desconformes a Dereito os artigos 27 e 28.1. inciso final, así como o 29.5 do Decreto.

A Sala entende que, "tanto polo carácter privado da ECA como pola completa externalización de toda a tramitación da avaliación ambiental, que se concibe ademais con carácter estrutural", a redacción do artigo 27 do Decreto resulta contraria ao artigo 9.2. do Estatuto Básico do Empregado Público e ao 8.1. da Lei 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público.

Os maxistrados, ademais, subliñan que non constan "mecanismos de control realizados por funcionarios públicos sobre a actuación destas empresas no procedemento en concreto", o que aboca a que as decisións que han de adoptar as autoridades públicas "sexan simples ratificacións, sen posibilidade de contraste".

O TSXG advirte na sentenza que o Decreto "externaliza toda a tramitación da avaliación ambiental e pona en mans da empresa privada".

Inclúese nisto varios fitos na tramitación do procedemento ambiental que implican materialmente o exercicio de potestades administrativas, "pois é a ECA quen analiza a suficiencia mesmo dos informes sectoriais preceptivos dos órganos administrativos que interveñen ou a necesidade ou non dun segundo trámite de información pública e consultas tras as modificacións no proxecto introducidas polo promotor".

"A ECA NON COLABORA COA ADMINISTRACIÓN, SENÓN QUE A SUPLANTA"

Os xuíces indican que todas esas funcións fanse "sen previsión de ningunha reserva de control, supervisión ou dirección a favor dos órganos administrativos que teñen encomendada genuinamente esta función dentro da(s) consellería(s) competentes".

Desta forma, advirten que a proposta que conteñen os informes elaborados pola ECA "non poden ser contrastados nin sometidos a crítica polo órgano que ten formalmente a facultade de decidir, polo que en realidade o exercicio material da competencia vai quedar residenciado na ECA, quedando o órgano administrativo lexitimamente investido da potestade, sen capacidade real de decisión".

O alto tribunal galego engade que, así concibida, "a colaboración que a Xunta demanda das ECA convértese nunha verdadeira privatización da tramitación da avaliación ambiental, que implica inexcusablemente a translación a unha empresa privada de funcións que están reservadas a funcionarios públicos".

Por todo isto, os maxistrados conclúen que a ECA "non colabora coa administración, senón que suplanta á administración durante nada menos que toda a tramitación da avaliación ambiental".

O tribunal recalca que, a xurisprudencia, tal e como explica na sentenza, "veta esta completa transferencia a unha empresa privada". "En realidade, atopámonos diante dunha abdicación da tramitación administrativa e, por tanto, do exercicio da competencia, que é irrenunciable para a administración", remarcan.

Na sentenza, o TSXG incide en que o Decreto "non prevé ningún mecanismo de control da actividade externalizada á ECA", así como en que "non hai ningún tipo de supervisión pública prevista para a análise feita por unha empresa privada en relación a toda a tramitación da avaliación ambiental".

Con todo, a Sala si considera conforme a dereito o apartado 1 do artigo 29 do Decreto, que se limita a unha función que xa é coñecida de auxilio material na realización de tomas de mostras, análises, verificacións e controis técnicos, pero advirte que "só na medida en que o seu contido se constriña a actuacións materiais de inspección que non estean reservadas a funcionarios públicos". A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Sede do TSXG
Sede do TSXG | Fonte: Xunta - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta