Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2025 | Actualizada ás 19:20
A reforma da Lei de Saúde de Galicia que prepara a Xunta incluirá multas non só para as agresións, tanto físicas como verbais, senón tamén para episodios de resistencia, coaccións e desacato aos profesionais do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Así o avanzou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ao responder a unha pregunta oral formulada no pleno do Parlamento galego pola deputada do PSdeG Elena Espinosa, coincidindo co Día Europeo contra as agresións aos sanitarios.
Gómez Caamaño lembrou que o Consello da Xunta da semana pasada aprobou empezar a tramitar a reforma da lei sanitaria galega con diferentes medidas, como un réxime sancionador con multas para os agresores, mesmo cando a xustiza non chegue a apreciar delito; a posibilidade de que a Administración autonómica se persone no caso; e estender o sistema de alertas.
Ademais, a modificación lexislativa introducirá entre os deberes dos usuarios o "respecto á dignidade e integridade persoal e profesional" dos traballadores do Sergas e tipificará de maneira singularizada cada sanción de acordo coa súa gravidade.
O texto tamén blindará medidas como a asistencia legal que prestará a propia Xunta aos profesionais afectados. Para ese efecto, avanzou que o seu departamento xa negocia cos sindicatos a ampliación do persoal da Asesoría Xurídica da Consellería de Sanidade.
Todo iso despois de que Elena Espinosa (PSdeG) cualificase de "mera propaganda" estas medidas para facer fronte a estes episodios violentos e, sen deixar de condenar "calquera agresión" contra sanitarios, apelou a "ir á raíz do problema" e a reforzar o persoal para evitar que as deficiencias do sistema provoquen "ansiedade, desesperación e frustración" nos pacientes.
O conselleiro replicoulle que "non existe ningunha xustificación" para as agresións, físicas ou verbais, e sinalou que o problema da falta de profesionais é culpa "do Goberno central". "Fáganos un favor e apoie as nosas demandas ante Pedro Sánchez", engadiu, dirixíndose á bancada da oposición.
Con todo, Gómez Caamaño citou datos do Ministerio de Sanidade que recollen que as agresións a sanitarios en Galicia --10 casos por cada 1.000 profesionais-- foron un 60 por cento inferiores que a nivel estatal --24,05 por cada 1.000--.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.