Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2025 | Actualizada ás 19:29
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, anunciou que presentará unha denuncia contra unha persoa que vincula a "un grupo político" --que non mencionou-- se non retira de redes sociais nun prazo de 12 horas unhas imaxes que sinalan a súa casa en Melide.
Avanzouno na súa quenda de palabra durante a resposta a unha pregunta oral presentada no Parlamento de Galicia, onde Vázquez se referiu este mércores á concentración ás portas da súa vivenda o pasado domingo dun grupo contra Altri que a Xunta e o PP vincula co BNG.
A conselleira denunciou que existe en redes sociais unha imaxe colgada "por unha persoa vinculada a un grupo política" na que se indica "como se chega" á súa casa e "como se entra pola cancilla". Vázquez anunciou que se a publicación non é retirada nun prazo de 12 horas presentará unha denuncia nos xulgados.
XABARÍS
Antes, a conselleira respondeu a unha pregunta oral da deputada socialista Lara Méndez sobre os estudos feitos pola Xunta sobre a proliferación de xabarís en Galicia.
Sobre este asunto, cifrou en 17.827 capturas no período 2020-2021 "grazas á solidariedade dos cazadores, que algúns critican e ben que os neces", dato que aumentou máis dun 2% ata superar a barreira dos 18.000 no período 2023-2024.
O novo procolo activado desde o 1 de marzo pola Xunta permite, como lembrou Vázquez, organizar batidas preventivas nun período de 24 horas, ademais de desenvolver accións preventivas ata o verán, época de cría para os xabarís e o resto de especies.
"Terminada a emerxencia cinexética empezamos unha nova etapa de control especial", aseverou Vázquez fronte ás críticas da socialista, que demandou á Xunta a elaboración dun estudo sobre a efectividade das medidas postas en marcha desde a Administración autonómica.
NOSTIÁN
Terminada esta pregunta, a conselleira de Medio Ambiente respondeu a outra, neste caso do deputado do PP Gonzalo Trenor, sobre a situación da planta de tratamento de residuos de Nostián, xestionada polo goberno municipal da Coruña.
"Pola mala xestión municipal, acabarán pagando as coruñesas e os coruñeses porque por moito que desexen reciclar, non poden facelo porque lles falta o quinto colector, o dos envases lixeiros. Ademais, o concello obviou as advertencias dadas pola Xunta hai xa tempo, desde 2022", sinalou Vázquez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.