Por Europa Press / Redacción | Melide | 14/03/2025 | Actualizada ás 18:19
Os alcaldes de Melide, Santiso, Agolada, Toques e Arzúa manterán proximamente unha reunión para avaliar o impacto da planta de Altri, despois de que a Xunta avalase a súa viabilidade ambiental. A xuntanza tamén contará coa invitación ao rexedor de Palas de Rei, único que manifestou o seu apoio ao proxecto.
Diferentes rexedores da zona expresaron xa o seu rexeitamento á factoría de celulosa, especialmente os de Melide, Santiso e Arzúa, que consideran que os concellos afectados non foron tidos en conta. O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, cualificou a planta como unha "macrocelulosa" e avanzou que a reunión servirá para estudar posibles accións conxuntas.
Pola súa banda, o alcalde de Santiso, Manuel Adán (BNG), ve posibilidades de recorrer o proxecto pola vía xudicial, xa que considera que "o visto e prace da Xunta non é definitivo". Tamén apuntou que a viabilidade económica e social do proxecto debe ser valorada polo Goberno central e a UE, especialmente no que respecta á solicitude de 250 millóns de euros en fondos comunitarios.
Desde Agolada, o alcalde Luís Calvo (Partido Anticorrupción e Xustiza) manifestou a súa "preocupación" polo impacto ambiental da planta, especialmente no que afecta á calidade da auga do río Ulla. "A xente ten medo", asegurou.
Pola contra, o rexedor de Palas de Rei, Pablo Taboada (PP), reiterou o seu apoio ao proxecto, sinalando que se conta co aval técnico e xurídico, debe seguir adiante.
Os alcaldes críticos con Altri confirmaron a súa participación na manifestación convocada para o 22 de marzo na Pobra contra o proxecto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.