Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2025 | Actualizada ás 19:10
O Pazo de Rubiáns, situado en Vilagarcía de Arousa, manterá por dez anos máis a distinción de Xardín de Excelencia Internacional da Camelia, un recoñecemento outorgado no Congreso Internacional da Camelia 2025, celebrado en Tokio, Xapón. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, recolleu este venres o certificado, pechando así a viaxe institucional da delegación provincial ao país nipón.
Durante o evento, no que tamén participou o deputado provincial Javier Tourís e persoal da Leira Areeiro, entregáronse certificados a distintos xardíns de camelias de todo o mundo. Segundo destacou López, esta renovación "reforza a posición da provincia como territorio de excelencia ligado á camelia e como destino turístico internacional". O Pazo de Rubiáns xa obtivera esta distinción hai dez anos.
A delegación galega tamén aproveitou a súa estancia en Xapón para visitar xardíns e centros de investigación na illa de Oshima, así como para reunirse con membros da Sociedade Internacional da Camelia. Ademais, confirmaron a candidatura conxunta de Pontevedra e Portugal para acoller a edición do congreso en 2031.
No ámbito da investigación, a doutora Pilar Vela, da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, presentou os avances en dous proxectos clave: un para tratar un fungo que afecta as plantacións de camelia e outro para ampliar a produción de 'té areeiro' na provincia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.