CCOO denuncia o expediente a un barco por izar unha bandeira galega xunto a española

O sindicato critica a "persecución a insignia de Galicia" e entende que o que se pretende sancionar é a presenza mesma da bandeira galega, porque o país de procedencia da embarcación "está claramente indicado".

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 13/04/2016 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

O sector do mar de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) esixe a paralización do expediente contra un barco por izar unha bandeira galega xunta a española. O expediente está promovido pola Capitanía Marítima de Santander (Cantabria), por se atopar naquel momento a embarcación en augas cántabras. O argumento é que a bandeira española estaba izada "incorrectamente" por quedar a carón doutra galega con "dimensións superiores" ás legalmente establecidas.

Carlos Callón iza unha bandeira nun barco durante a campaña das eleccións xerais
Carlos Callón iza unha bandeira nun barco durante a campaña das eleccións xerais | Fonte: radiocoruna.opennemas.com

"A bandeira española está enarborada no lugar que corresponde", suliña este sindicato que considera un "pretexto" os argumentos para o expediente sancionador. "Non se abre expediente porque o barco teña unha bandeira pirata, senón que se pretende sancionar a presenza mesma da bandeira da comunidade autónoma de orixe do barco", apunta nun comunicado.

No sector do Mar de CCOO coidan que non se trata, polo tanto, "dun problema de identificación" da embarcación, senón de "persecución á insignia de Galicia". Desde Comisións critican que, "coas cousas tan importantes que habería que analizar nunha embarcación, sobre todo en materia de seguridade", a Capitanía Marítima de Santander poña tanto celo na presenza ou dimensións dunha bandeira.

Por estas razóns, o sindicato insta a Xunta de Galicia a actuar "con carácter urxente e nos ámbitos en que corresponda" para que o expediente sexa paralizado e a eventual multa, se chegar, sexa retirada. Así mesmo, esíxelle á Administración galega dar os "pasos necesarios" para que a insignia de Galicia sexa recoñecida e non se volvan producir situacións coma esta noutros portos do Estado español.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta