Por Galicia Confidencial | Vigo | 16/03/2025 | Actualizada ás 21:21
Crónica de Jorge M. de la Calle
O 3 de marzo de 2020 Óscar Rosende presentaba ilusionado en Estudo 3 de Radio Galega o seu novo proxecto en homenaxe aos seus ídolos Mark Knopfler e Dire Straits, despois de deixar a banda que fundou, Brothers in Band, por diferenzas amargas cos seus integrantes. Basicamente, aquel que cría amigo e un terceiro xunto aos que rexistrara o nome do grupo convidárono a saír se non se axustaba ás súas condicións: buscarlle un substituto. Pero se Brothers in Band existía e naceu un día de setembro de 2007 era pola paixón de Rosende por Knopfler: se dixésemos que Mark fose un membro máis de Dire Straits, tería o mesmo sentido. Ningún. Porque o músico coruñés é, en palabras de Moncho Lemos, crítico musical, “o mellor músico clónico de Mark Knopfler de toda Europa; sobre todo nos solos non o distinguiriamos do orixinal”. Rosende perfeccionou ata tal punto tanto a súa técnica e interpretación como a voz e posta en escena do músico escocés, que ambos son indistinguibles. Coma se a súa sombra tivera disociado e cobrase vida propia, pero con máis luz, porque o orixinal xa non ten loxicamente á súa idade e despois do accidente de hai uns anos perdera a enerxía e a precisión daquel Mark xuvenil, que é o que transmite e proxecta en cada escenario o guitarrista coruñés. E así as xeracións máis novas temos a sorte de poder gozar do Mark Knopfler de Alchemy, Brothers in Arms ou On Every Street, como soaría naquel tempo dos setenta, oitenta e principios dos noventa. O Mark Knopfler da cinta no pelo está máis vivo que nunca e fala galego.
Ese día de marzo de 2020, hoxe hai algo máis de cinco anos, presentaba na radio pública galega Great Straits, a súa nova formación xunto aos técnicos e a metade da anterior banda, na que sería máis Dire Straits que nunca, pero tamén máis Mark Knopfler que nunca, grazas á inclusión de temas do músico de Glasgow en solitario. Esta ilusión desbordante viuse truncada tan só once días máis tarde polo estoupido da pandemia e a declaración do estado de alarma e a corentena que confinaron a todo o país e tamén aos coruñeses, e que fixeron imposible a estrea da nova banda na Coruña o 29 de maio daquel ano. Os desexos de presentar en sociedade a nova e flamante formación tivéronse que poñer en corentena tamén ata nova data, e ese debut de Great Straits aínda se aprazou ata dúas veces e atrasouse ano e medio máis por culpa do covid e as medidas de seguridade que restrinxiron enormemente a cultura en directo. Pero finalmente, un 10 de decembro de 2021 o Teatro Colón acolleu ese primeiro gran encontro co público, aínda con máscaras, mais con total proximidade e calidez e un Rosende entregado ao que se lle notaban as ganas de tocar para a xente, como un neno con xoguete novo. Acompañábano oito músicos de excepción, completando con el os nove que chegaron a formar a aliñación de Knopfler na súa última xira de 1992: á guitarra Manu Seoane (de Brais Morán e Colorado; coñecido como “o Knopfler”); á batería Marcos Pazo (de Brais Morán), e no baixo Fran Sanz (Brais Morán, Budiño, Loretta Martin); e mailo valenciano Pablo Gisbert no pedal steel guitar, que lle dá ese son country tan característico; o percusionista Rubén Montes, o saxofonista Diego Alonso e Adrián Saavedra e Ale Casquero ao piano, teclados e sintetizadores.
Arrincaba Great Straits coa batería de “Calling Elvis”, a canción con trazas de country de “On Every Street” que Knopfler dedicou a un dos seus ídolos que inspirou a tantos, como querendo invocar o espírito do rei do rock and roll e “enfeitizar” á audiencia. Un tema que tamén vai sobre a incomunicación, pero que nada máis empezar conectou cos seus seguidores, que son tamén os da banda británica, en feliz sincretismo, varias xeracións unidas pola fascinación pola súa música. E para o final da segunda canción, “Walk of Life” -unha historia sobre os músicos anónimos de rock and roll- Knofpler e Rosende, Rosende e Knofpler, así como a súa banda, presentada a metade de tema, xa se fusionaran entre si e con Dire Straits alcanzando a total comuñón co público. A este agradecíalle a súa fidelidade e aguantar dous anos desde que se anunciou o concerto ata a súa data definitiva: “custou máis parilo que o embarazo dun elefante”, recoñecía. E para o terceiro tema, “So Far Away”, xa chegaran tan lonxe que só quedaba renderse ante a evidencia de que conquistaran o corazón dos amantes de Knopfler, especialmente cando seguiron os acordes dun dos seus grandes clásicos. “Romeo and Juliet”, composta coa súa guitarra máis icónica, aquela dourada que aparecía na portada de Brothers in Arms. A banda e o seu público para entón xa estaban perdidamente namorados, e nese momento sucedeuse “Why Aye Man”, temazo en solitario de Knopfler pertencente a The Ragpicker’s Dream, sobre a solidariedade obreira, que ó escoitala Guy Fletcher, antigo teclista de Dire Straits, pensou que era unha gravación da súa antiga banda.
A continuación, “Where do you think you’re going?”, que foi a primeira canción de Dire Straits que aprendeu un novísimo Óscar Rosende, naquela habitación baleira que reformaban os seus pais no domicilio familiar da Coruña, adiviñando un tras un os acordes e escoitando unha e outra vez a súa cinta de cassette daquel Communiqué, o segundo álbum dos británicos. E como naquela habitación de adolescente con todo por experimentar, partindo de cero tamén na súa cultura musical, o seguinte foi (como diría Luis DB de Illas de Robinson en Radio 3) encher a súa cocotera de boas cancións, aventuras sónicas asinadas polo xenio de Glasgow. Como nun conto, “Once upon a time in the west”, outra do seu segundo álbum, e chegamos ao ecuador do concerto e punto de inflexión, tras case unha hora sen alento, cun dos temas culminantes de Dire Straits, o que daba nome ao seu disco máis vendido, Brothers in Arms, con 30 millóns de copias vendidas. Os efectos de tormenta, a voz parsimoniosa de “Óscar Knopfler” e a súa guitarra en diálogo con el contan a historia de dous irmáns a través do dobre sentido da palabra “arms”: tanto pode significar “brazos” como “armas”; e “in arms” tanto “unidos”, “aliados” como “armados”. Así pois, os “irmáns de armas” ou “en armas”, segundo se queira interpretar, era un alegato contra a guerra e os conflitos que ocupaban as portadas dos diarios alá por 1985; a guerra do Salvador, Nicaragua e especialmente o conflito das Malvinas que lanzou o propio goberno británico baixo o mandato da Dama de Ferro, Margaret Thatcher, e aos soldados británicos a morrer por ducias contra os arxentinos. A voz e a interpretación absolutamente fiel de Rosende transmiten a tristeza e despropósito da guerra, “irmáns” de “un só mundo”, que con todo “viven en mundos diferentes”.
Segue “She’s gone”, interludio instrumental da banda sonora de Metroland, que servía en directo como intro melancólica para “Your latest trick”, unha das grandes baladas de Brothers in Arms, co seu inesquecible saxo a cargo de Chris White (aquí Diego Alonso) e a súa historia digna do xénero negro que tamén explotaría en “Private Investigations”. Pero tras o desencanto chegou o entusiasmo e a épica de “Tunnel of Love”, coa marabillosa intro que o antecedía en Alchemy, o seu gran disco en directo do 85, composta especialmente para a ocasión. Quince minutos de música con maiúsculas que deixan sen alento atravesando as diferentes fases da relación amorosa, o “carrusel do amor”, a atracción de feira á que Knopfler fai referencia na súa vertixinosa narración, paseándonos por multitude de emocións e recordos que viven dous descoñecidos que se embarcan na noria do amor. O gran escritor que é o músico de Glasgow plásmase nesta monstruosidade de canción, e a “Spanish city” escenario de atraccións de feira á que fai referencia ben podería ser A Coruña nese momento, ou calquera das cidades hispanas que visitan nas súas longas xiras. O solo de Rosende/Knopfler finiquita esta trepidante viaxe, coa envoltura dos teclados e sintetizadores de Alan Clark e Tommy Mandel (aquí Adrián Saavedra e Antonio López), e para entón xa pensamos que o billete da montaña rusa estaba máis que amortizado, exhaustos tras case hora e media de gran rock and roll, rock sinfónico e progresivo, country, blues, rockabilly e sobre todo melodías, arpegios, solos e atmosferas inesquecibles, gravadas no corazón de todos os amantes da banda.
Pero entón quedaba aínda máis dun terzo de concerto, e fixeron levantar ao público cun rock and roll marchoso de toda a vida, “Two Young Lovers”. Despois do baile, a calma e o ambiente envolvente de “Telegraph Road”, a súa canción preferida, outros quince minutos de historia por unha estrada e viaxe tamén pero esta vez a través da vida dun traballador, desde os tempos máis sinxelos nos que a terra proporcionaba o necesario para vivir ata a sociedade que se levantou despois, chea de normas, límites, tráfico, desemprego, contaminación e demais complexidades e contradicións do progreso e o capitalismo, nas que a voz narrativa sempre promete un futuro mellor, lonxe de todo. O gran escritor de cancións e xornalista advírtese detrás destas letras que, ademais de analíticas e reflexivas, melancólicas e doentes, poden ser acedas e mordaces, como en “Money for Nothing”, outra crítica contundente á MTV e a nova cultura da música comercial e o consumo masivo, estrelas e cancións de usar e tirar tan fugaces como os videoclips, que cos coros de Sting os catapultou ó máis alto das listas sendo o single máis vendido da súa historia. O seu éxito máis comercial e oda contra a comercialidade en alegre contradición. Despois disto, tiña que vir por fin, en volta ás orixes, a primeira canción de todas, a que os descubriu alá nos seus difíciles inicios como virtuosos da guitarra e todos os demais instrumentos, “The Sultans of Swing”, unha homenaxe aos músicos anónimos, neste caso de jazz, que tocan fundamentalmente por amor á arte, non pola fama ou o diñeiro, e que relata aquela escea dunha banda de Dixie tocando un día de choiva calquera nun dos moitos pubs londinenses. Outros doce minutos vertixinosos a través da versión que deste o seu primeiro single, que inaguraba o seu disco homónimo de 1977, se fixo no directo Alchemy, gravado en Londres en 1983 e publicado en 1984, e que interpreta Rosende e o resto da banda con absoluta fidelidade, nota por nota. Poden poñer en paralelo as dúas actuacións e verano, non desentoan en ningún momento.
Trala explosión de “Sultans of Swing”, Rosende e toda a banda agradecendo ao público, o seu frontman a todo o staff técnico que lles acompañou durante tantos anos, e explicando o especial do reencontro despois de máis de dous sen tocar nun recinto pechado e partindo outra vez de novo cunha nova banda. O bis empezando por “Iron Hand”, unha das súas preferidas, outra reflexión sobre a inevitabilidade da violencia e a guerra que se repiten ciclicamente na historia do ser humano. E para poñer o broche, un rock and roll sólido tan sinxelo nos seus acordes como complexo no seu transfondo e significado como “Solid Rock”, e a despedida perfecta con “Going Home”, tema central da banda sonora que Mark compuxo para a película “Local Hero”, interpretada por Burt Lancaster. Un delicioso himno instrumental, melancólico e épico á vez, que comeza tranquilo como tantas melodías de Knopfler pero medra e eleva o seu ton aos poucos, superpoñendo distintos instrumentos, texturas de orixe celta, á vez que sintetizadores, e acaba cun dó trepidante de emoción entre a guitarra de Knopfler/Rosende e o saxo de Mel Collins/Diego López . Un tema que pode servir tanto para aquela película de temática ecoloxista e bela fotografía chea de campiñas escocesas como para os afeccionados do Newcastle e que é sinónimo de regreso. Reencontro co fogar e a terra á que un pertence, como a volta de Rosende e o seu marabilloso equipo aos escenarios e a música en directo e a xuntanza co público de novo na súa cidade, A Coruña. Dúas horas e media de emocións e virtuosismo coa música dun dos mellores guitarristas da Historia do Rock e a súa banda, interpretada polos seus máis fieis apóstolos.
Tocaron con gran éxito no teatro Afundación de Vigo e no Auditorio Municipal de Ourense, máis de seis anos desde a última vez con Brothers in Band, dezaséis anos despois da súa estrea na cidade do Miño naquela mítica festa no antigo Teatro Xesteira, e por primeira vez con Great Straits. Próximos bolos en Valladolid o 16, en Sevilla (FIBES) o 21, Madrid o 27, Xaén o 28 e Granada o 29 de marzo. O 21 de xuño, coa Orquestra Sinfónica de Galicia na Coruña, “Dire Straits Symphonic”. 19 de outubro en Barcelona, 24 en Bilbao e 30 de decembro en Valencia. Más datas en: https://greatstraits.com/concertos/
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.