Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/03/2025 | Actualizada ás 17:00
O poeta, narrador e ensaísta en galego Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, acaba de ser galardonado co PREMIO BABEL DE LITERATURA 2025 na Universidade de Texas pola “calidade excepcional e a importante contribución do seu traballo” no campo literario.
O premio, que se entrega anualmente, “honra a persoas que promovan o diálogo literario entre linguas e culturas”, pois o escritor lucense conseguiu que a súa escrita en galego sexa un referente do multilingüismo literario mundial a través da tradución. É a primeira vez que tal distinción recae en Galicia, pois anteriormente foron galardoados escritores de Italia, Albania, Francia, Rusia e Corea do Sur.
O comité internacional que outorga o premio caracterizou así os valores do galardoado. "Defensor da paz e dos dereitos humanos, Rodríguez Fer influíu no discurso literario global a través da súa poesía, estudos e publicacións multilingües. O Premio Babel recoñece os seus logros ao longo da súa vida para superar as divisións lingüísticas e culturais”.
O poeta, estudoso e tradutor Claudio Rodríguez Fer é profesor visitante en diversas universidades de Estados Unidos e de Europa. Recibiu o Premio Nacional da Crítica de España e o doutoramento honoris causa pola Universidade da Alta Bretaña en Rennes. Tamén recibiu a Medalla Eminescu en Romanía ou a de Cunqueiriano de Honra en Galicia. As súas obras están traducidas a numerosos idiomas (castelán, portugués, inglés, francés, alemán, italiano, grego, romanés, ruso, árabe, bretón, esperanto, etc.) e o seu poema “A cabeleira” está traducido a máis de oitenta idiomas dos cinco continentes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.