Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/03/2025 | Actualizada ás 15:40
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, está de acordo co pacto acadado por Carlos Mazón, presidente de Valencia, con Vox para aprobar os orzamentos desta autonomía, pero amosouse crítico cos postulados políticos deste partido, especialmente, contrarios á UE.
"Está tentando e conseguir ter uns orzamentos. É bo ter orzamentos e buscou maioría onde puido para telos", defendeu Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. De feito, criticou ao Goberno central por non ter aprobado os orzamentos ou non buscar maiorías políticas para aprobalos.
Este pacto con Vox chega, ademais, cun Mazón moi cuestionado políticamente, tanto dentro como fóra do seu partido. E chega, ademais, cun partido de ultradereita que abraza as teses de Donald Trump. De feito, no acordo, e segundo Vox, Mazón aceptou restriccións migratorias e clausulas contra o Pacto Verde da UE.
Preguntado a Rueda se aproba estes postulados, o presidente galego quixo deixar claro que "unha cousa é o acordo de Vox con Mazón e outro o que di este partido". Así, dixo rexeitar o apoio de Vox aos aranceis de EE.UU., "aínda que agora parece que dan marcha atrás", ou contra o Pacto Verde, a favor do que votou na UE o PP.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.