Os reiterados incumprimentos de Eliance, a empresa dos helicópteros do 061, quedan en nada

O 061 di que a concesionaria Eliance, á que se lle abriron 77 expedientes, "comprometeuse a mellorar a prestación deste servizo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2025 | Actualizada ás 16:23

Comparte esta noticia

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061 comunicou este venres a Eliance a resolución do contrato dos helicópteros de Santiago e Ourense, tras reiterados incumprimentos do servizo.  Pero non deixou de ser unha comunicación de "trámite" e sen efecto. Ao tratarse dun servizo esencial, a empresa deberá continuar operando as aeronaves de maneira ininterrompida ata que entre en vigor a nova licitación do servizo de transporte sanitario urxente aéreo.

A decisión, confirman fontes do 061 a Europa Press, foi comunicada a representantes de Eliance nunha reunión na mañá deste venres. Durante a mesma, a concesionaria "comprometeuse a mellorar a prestación deste servizo, garantindo o cumprimento das condicións recollidas nos pregos de contratación", recalcan as mesmas fontes.

O certo é que a Fundación Pública Urxencias Sanitarias xa impuxera multas por montante global de 145.000 euros a Eliance. Tal e como confirmou nunha comparecencia no Parlamento a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, resolvéraselle con penalidade en 16 de 77 expedientes sancionadores iniciados.

Cabe lembrar que o martes da semana pasada o depósito da base de Santiago quedou sen gasolina. Por tanto, tras un primeiro servizo a aeronave tivera que parar a encher no aeroporto compostelán. Isto, que implicaba unha perda de tempo neste servizo de urxencias sanitarias, non era a primeira vez que ocorría, tal e como relataban fontes do persoal e dos sindicatos a Europa Press.

Helicóptero medicalizado do 061 con base en Santiago / Europa Press - Arquivo / Europa Press
Helicóptero medicalizado do 061 con base en Santiago / Europa Press - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta