Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 17/04/2016
Visto o que vimos, miñas donas e meus señores, compre matinar un chisco sobre se a axenda social a executar, as medidas cidadás a desenvolver poden ser enxergadas dende un Centro, Madrid, pexado cos vicios dun inxusto, ineficiente e atrasado sistema de apropiación, contrario ás máis elementais regras da libre concorrencia ou dependerán, máis ben, dun proxecto nacional, semellante ao vasco, escocés ou islandés (con cadanseus 2,1 M, 5,1M e 0,4 M de habitantes). Nós temos 2,7M.
A cuestión non é nin ideolóxica, nin identitaria, nin esencialista. É, totalmente, pragmática e utilitarista. O Estado español está enfeudado nun capitalismo de amiguetes. A Coroa borbónica é a súa Axencia de Comunicación e o PP.PSOE e, agora, C’s son os seus valedores partidarios. Compre que no que eles chaman periferias ou provincias vaiamos sendo quén a albiscalo.
Velaí que haberíamos entender a xeito os procesos que agachan conceptos como a “unidade do mercado” ou a “dimensión empresarial”. Trátase de que as empresas galegas non poidan gañar a cota de mercado mínima para sobreviviren na concorrencia internacional. Trátase de impór as mesmas regras en Getafe, Cartagena ou Betanzos.
Polo de agora e só unha intuición. Mais teño para mín que o cambio político e social na España é ben díficil, con PODEMOS ou sen PODEMOS. E que si son posíbeis as fondas remudas no inmediato. Nos concellos, no Parlamento de Galicia e na Xunta e de aí…para o Norte.