A Policía Autonómica investiga 24 persoas en Galicia por furtivismo e marisqueo ilegal en 2024

A Xunta destaca a presión exercida sobre a actividade ilícita e salienta operativos conxuntos como a 'Operación Capela'

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2025 | Actualizada ás 12:33

Comparte esta noticia

A Unidade de Policía Adscrita de Galicia (UPA) tramitou durante o que vai de 2024 227 denuncias vinculadas a furtivismo, marisqueo ilegal e outras infraccións relacionadas coa pesca marítima non autorizada, que derivaron na investigación ou detención de 24 persoas, segundo informou a Xunta de Galicia.

Vehículo da Policía Autonómica de Galicia
Vehículo da Policía Autonómica de Galicia | Fonte: Xunta de Galicia

No marco destes operativos, a unidade realizou 711 inspeccións e estableceu 808 dispositivos de control, nos que foron rexistrados 130 vehículos. A Administración autonómica sinala que estas cifras reflicten unha redución da actividade delituosa, froito da "presión continua" exercida pola UPA en colaboración coa Subdirección Xeral de Gardacostas, pertencente á Consellería do Mar.

Un dos instrumentos clave desta loita contra a actividade ilegal é o Grupo Operativo de Actividades Subacuáticas (GOAS), especializado na protección dos recursos mariños e na detección de infraccións subacuáticas. A Xunta destaca tamén a crecente colaboración deste grupo con unidades da Policía Nacional, sobre todo en operativos realizados en contornas acuáticas.

Entre os dispositivos salientables, figura a 'Operación Capela', realizada conxuntamente coa Comisaría Xeral de Policía Xudicial, a Policía Marítima de Portugal e o servizo de Gardacostas. Neste operativo foron incautadas máis de 1.000 quilos de marisco, 79.000 euros en metálico e unha arma de fogo. Como resultado, 14 persoas foron investigadas por suposta pertenza a organización criminal.

A actividade da UPA abrangue tamén a protección do patrimonio arqueolóxico mergullado, en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a Unidade de Mergullo da Armada con base en Ferrol. Dúas das actuacións máis relevantes neste ámbito tiveron lugar no porto de Ferrol, no marco da investigación e conservación do pecio do galeón 'Giacomo de Galizia', afundido no século XVI.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta