Por Europa Press / Redacción | FERROL | 24/03/2025 | Actualizada ás 15:08
A Xunta acordou dotar con 15 millóns de euros un novo edificio de investigación para o Campus Industrial de Ferrol, que espera que sexa unha realidade "nun prazo de dous ou tres anos". En concreto, trátase do edificio EI3, un "proxecto estratéxico" que contribuirá a converter e consolidar este campus nun Polo de innovación "referente" no ámbito industrial.
O Consello da Xunta, na súa reunión de semanal celebrada este luns en Ferrol, deu luz verde a este proxecto co que busca contribuír ao crecemento socioeconómico e ao posicionamento do campus ferrolán dentro do campo do I+d+i, segundo detallou o presidente galego, Alfonso Rueda. A preguntas dos xornalistas na rolda de prensa posterior á reunión do Executivo galego, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asegurou que a súa intención é presentar a publicación do proxecto despois de Semana Santa e indicou que espera que este edificio sexa unha realidade "nun prazo de dous ou tres anos".
"Será unha infraestrutura singular, especializada no ámbito do ensino naval industrial e que vai estar aliñada coas prioridades económicas e empresariais da contorna. Queremos que Ferrol lidere iniciativas en áreas como robótica ou o hidróxeno verde, áreas nas que xa está especializada esta cidade, polo que non partimos de cero, senón que aproveitamos todo o potencial existente", debullou o titular de Educación. Desde a perspectiva da planificación orzamentaria, detallou que despregarán unha dobre vía. Por unha banda, a Consellería consignará 5,6 millóns de euros e a contía restante, ata completar os 15 millóns, vai ser canalizada a través de Fondos Europeos especializados previstos para esta finalidade.
UN SOLAR DE 1.500 METROS CADRADOS
Segundo debullou o conselleiro, o edificio suporá unha ampliación do campus e da súa capacidade investigadora e innovadora, e situarase nun solar cunha superficie ao redor dos 1.500 m2, fronte á Facultade de Enfermaría. Contará con espazos de coworking, unha sala de traballo colaborativo, seis pisos de laboratorios con despachos de traballo, salas comúns "e outras instalacións necesarias". Con todo, resaltou que o persoal investigador terá ao seu alcance, e nun mesmo edificio, todas as ferramentas necesarias para desenvolver a súa actividade cun perfil "moito máis innovador".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.