Por Europa Press / Redacción | FERROL | 24/03/2025 | Actualizada ás 18:17
Delegados da sección sindical da CGT en Navantia Ferrol concentráronse este luns ás portas dos xulgados da cidade para criticar a actitude da empresa naval pública tras excluír a unha candidata a un posto laboral por "exceso de madurez e coñecemento". Segundo os delegados sindicais, tras o "incumprimento" por parte da dirección de Navantia, tanto da sentenza firme no caso da persoa excluída dunha praza como dun primeiro auto xudicial que deu á empresa un prazo ata o pasado 18 de decembro para cumprila, este luns o caso volveu ao Xulgado do Social número 1, cunha comparecencia xudicial.
Tal e como trasladou CGT, o argumento central do avogado de Navantia foi "o acordo fraguado en decembro" entre a empresa e unha parte maioritaria do comité de empresa de Navantia-Ferrol, coa oposición da CGT, para que "a demandante compita por unha praza coas 85 persoas que en 2020 completaron o proceso sen lograr ingresar". Neste contexto, a Confederación Xeral do Traballo critica que "cínicamente, os asinantes dese acordo, xustifícano en nome da igualdade de oportunidades, cando en realidade significa todo o contrario". Así, o sindicato detalla que "quen non a tivo, e a quen hai que darlla agora", porque así o dita unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), é "quen non a tivo, que é a persoa excluída ilegalmente por Navantia do proceso".
SEGUNDA ACTA
Tamén segundo a CGT, "non contentos con esa acta, CC.OO., MAS e agora tamén CIG, asinaron en xaneiro unha segunda acta na que se mente sobre os feitos", co obxectivo, engade, de "aparentar que a responsabilidade do incumprimento da sentenza é unha suposta falta de colaboración da demandante". Por último, estiman que "moito debe de haberlles prometido Navantia a CC.OO., MAS e CIG, para que se presten a estas corruptelas indecentes, que van en contra do principio de igualdade, mérito e capacidade no acceso ao emprego público", e tamén de "os principios máis básicos do sindicalismo de clase".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.