Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2025 | Actualizada ás 12:04
Un novo debate a conta do proxecto de Altri en Palas de Rei subiu o ton na Cámara galega, onde os líderes de BNG, Ana Pontón, e PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, atacaron ao presidente da Xunta, acusándoo de exercer o "comercial" da pasteira lusa. Este contraatacou levando ao foco o "cambio de postura" sobre o plan empresarial dos seus rivais políticos: "Ou son uns ineptos, ou uns mentireiros, ou non se decatan de nada, ou todo á vez".
A modo de argumento, Rueda leu titulares de 2022 con detalles do proxecto e aludiu a unha iniciativa do PSdeG aprobada "sen votos en contra" en marzo de 2023 cuxa exposición de motivos recolle que o plan de Altri supuña a creación "dunha planta para a elaboración de pasta soluble de papel, cunha capacidade para producir 200.000 toneladas ao ano que se integrará parcialmente na produción de fibras téxtiles de orixe forestal".
Dita iniciativa, advertiu Rueda, demandaba pór a disposición da empresa promotora "asesoramento técnico e económico para conseguir o financiamento necesario do proxecto e acudir ás convocatorias de Perte establecidas polo Goberno de España". "Maldita hemeroteca e maldito diario de sesións. Ou son vostedes uns ineptos, ou uns mentireiros, ou non se decatan de nada, ou todo á vez", engadiu.
MEGACELULOSA
Con todo, tanto Besteiro como Pontón defenderon a súa posición en que, como dixo a líder nacionalista, "ata que o proxecto saíu no Diario Oficial de Galicia non se sabía que era unha macrocelulosa". A xefa de filas do BNG engadiu que, "no seu empeño" por ser "comercial" da pasteira lusa, o presidente "roza a prevaricación".
Pontón tamén se referiu a a mobilización social e instou ao titular da Xunta a escoitar "o clamor social" e a "rectificar" no canto de "responder con desprezo e insultos aos galegos". Este replicoulle coa "maioría silenciosa" que, suxeriu, apoia ao PPdeG nas urngas. "Como lle digo sempre a vostede, a xente é moito máis lista e está a maioría silenciosa que observa o que fan os seus gobernos e actúa en consecuencia", esgrimiu.
Pola súa banda, Besteiro, quen acudiu por primeira vez a unha concentración contra o proxecto de Altri o pasado sábado na Pobra do Caramiñal, proclamou con contundencia que, se fose polo PSdeG, Altri "non levaría nin un euro de fondos públicos". "Porque nin cumpre, nin o merece. Altri é unha gran mentira desde o primeiro día", aseverou.
"GALICIA NON NECESITA ESTE PROXECTO"
O líder do PSdeG foi precisamente o que arrincou a sesión de control e reafirmouse en que Galicia "non necesita un proxecto que dedique máis superficie forestal" a eucaliptos para "producir celulosa". Tras el interveu Pontón, quen aludiu á manifestación "por terra e mar" do pasado sábado na Pobra. "Miles de galegos dixeron Altri non, Galicia si. Miles de galegos aos que ten a desvergoña de chamar alborotadores e xeradores de bulos", reprobou, antes de situar a Rueda como líder do "PP máis ultra, antidemocrático e antigallego".
"MOITO TEMPO APOIÁRONO APLAUDINDO COAS ORELLAS"
Rueda replicou a Pontón que el non sostén que todos os manifestantes contra Altri fosen levantar " bulos". "Pero vostede si", contrapuxo. "E o maior dos bulos é que non sabían de que ía o asunto porque moito tempo o apoiaron aplaudindo coas orellas", agregou. Como exemplo, ademais da iniciativa do PSdeG de 2023, citou noticias de 2022 que detallaban que a factoría de Altri tería dúas liñas de produción: unha de "pasta de madeira soluble" e outra de lyocell a base desa pasta. A primeira tería, continuou lendo, "o dobre de capacidade que a segunda". "Ou non len os xornais, ou non entenden o que len", espetou..
PPdeG AMOSA MÚSCULO
A sesión seguírona desde a tribuna máis dunha vintena de dirixentes do PPdeG, portavoces de municipios da comarca do proxecto, entre os que se atopaba o rexedor de Palas, Pablo Taboada. Tras o debate, á entrada do hemiciclo, foron saudados por Rueda; o conselleiro e presidente do PP provincial da Coruña, Diego Calvo; e a secretaria xeral do partido, Paula Prado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.