Nova división no nacionalismo galego

Destacados militantes de Compromiso por Galicia apoiarán á Marea nas vindeiras autonómicas. Son preto dun cento de persoas que abandonan a disciplina de CxG e denuncian un “xiro dereitista e cara ao nacionalismo esencialista” da actual executiva. Entre eles destacan o ex senador co BNG Xosé Manuel Pérez Bouza, Jéssica Fernández Polo (portavoz municipal de Xuntos por As Pontes), Paulo Carlos López, Xulia Guntín, Henrique Monteagudo ou Xosé Antón López.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/04/2016 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

Destacados militantes de Compromiso por Galicia (CxG) anunciaron a súa baixa da formación tras a convención do pasado domingo que decidiu por ampla maioría presentarse en solitario as elección galegas.

Membros da Executiva Nacional de CxG, algúns deles xa dimitidos
Membros da Executiva Nacional de CxG, algúns deles xa dimitidos

Entre estas persoas, que xa asinaron o manifesto “Coa Marea. Por Galicia”, están o ex senador polo BNG Xosé Manuel Pérez Bouza, Jéssica Fernández Polo (portavoz municipal de Xuntos por As Pontes), Paulo Carlos López, Xulia Guntín, Henrique Monteagudo, Xosé Antón López, Denís Fernández Méndez,  Iván Marrube ou o escritor Xabier López, entre outros, que están en desacordo coa decisión de CxG de concorrer en solitario. “Está marchando o sector máis intelectual da formación e queda xente que se afiliou nas últimas semanas e que non ten nada que ver coa esencia coa que se creou esta formación”, apuntan as fontes consultadas.

Neste manifesto deixan claro que, ao seu entender,  na convención do pasado domingo “tomouse non só unha decisión táctica desacertada, senón que tamén se acentuou unha viraxe estratéxica e mesmo ideolóxica cara a posicións centristas e propias dun nacionalismo esencialista, apartándose do espírito e dos documentos fundacionais de Compromiso”.

En todo caso, tamén recoñecen que o rumbo apoiado por unha maioría de compañeiros e compañeiras aos que lle desexamos fraternalmente moita sorte”. Este grupo de persoas, de entorno o cento, destaca que “non pretende crear unha nova estrutura organizativa que participe do eterno baile de siglas do nacionalismo galego”, senón “contribuír ao proceso en marcha de construción dunha candidatura popular ampla e transversal arredor da Marea”.

Por iso, mostran o seu apoia á marea cidadán e consideran que “a cidadanía galega leva tempo indicando cal é o camiño para rematar cos gobernos da dereita e coa hexemonía bipartidista, de xeito especialmente nidio nas eleccións municipais e nas xerais de 2015” na liña do que defenderan moitos na convención de CxG no pasado outubro, na que xa pediran o apoio para En Marea.

“O noso compromiso será integrármonos individualmente desde o ámbito local de cadaquén nas distintas mareas e candidaturas de converxencia, nas que algúns xa estamos integrados de feito desde hai certo tempo. A nivel nacional galego, participaremos, tamén individualmente, na construción desa alternativa –que xa está en marcha– e que precisa e reclama a maioría social do noso país”, recolle o manifesto.

E, puntualizan que, ese apoio será “desde o galeguismo e o nacionalismo non excluíntes nin exclusivistas, defendendo a autoorganización das forzas políticas galegas, coas miras postas no progreso do noso país, buscando a colaboración entre persoas e forzas coas que temos coincidencias en aspectos fundamentais e reforzando o noso compromiso cos intereses da maioría da nosa sociedade, duramente castigada polas políticas austeritarias”, aseguran.

Con esta saída, o nacionalismo galego volve quedar dividido. Unha división que comezou tras a Asemblea de Amio do BNG. De aí xurdiron dúas grandes formacións, Encontro Irmandiño, que logo derivou en Anova e CxG. A primeira tivo unha excisión hai dous anos, da que xurdiu Cerna. A segunda acaba de ter a súa división. Pero, polo camiño, o BNG, tivo novas baixas logo da última asemblea en Compostela, desta volta do sector de Abrente, coa saída de dous referentes históricos como o ex voceiro nacional e ex vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o ex voceiro parlamentario, Carlos Aymerich.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 30 comentarios

6 España España marea marea

Eran casi o 50% dos afiliados os que apoiaban en novembro de 2015 ás mareas de Podemos. Agora foron moitos menos e tampouco estaban unidos pois moitos deles decidiron seguir en CxG.

5 Shin Chan

Dous galegos, un partido. Tres galegos, unha escisión.

4 Xinzo

PEREZ BOUZA quere ser deputado

3 Vigués45

Boa noticia! 20.000 partidos comunistas en Galicia pelexando polos mesmos votos, hai que abrir camiño na socialdemocracia!

2 Un máis

Pois se é certo o que din que hai unha viraxe centrista no partido eu considéroo unha moi boa noticia. Por fin un partido nacionalista capaz de disputarlle votos a PP e sectores moderados do PSOE. Se tomase unha liña de esquerdas e decidise ser outro partido máis dentro dese ámbito, sexa dentro das mareas ou non, iso si que sería unha desgracia...