Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2025 | Actualizada ás 18:02
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, defendeu a inclusión en centros de maiores de persoas con patoloxías psiquiátricas, argumentando que a súa condición non pode supor "un obstáculo" para que ocupen esa praza se lles toca, polo que pediu non "discriminalas".
Así respondeu a responsable autonómica a unha interpelación formulada este mércores pola deputada do BNG, Olalla Rodil, sobre esta situación. A nacionalista denunciou que a Xunta interna en residencias de maiores a persoas que necesitan "servizos doutras características que non son, en ningún caso, os que se prestan nesas residencias".
Segundo datos que, sinalou, ofrecía o ano pasado a Asociación Galega de Inspectores de Servizos Sociais, dependente da consellería, ao redor do 40% das persoas que son derivadas a unha residencia de maiores pola vía de emerxencia social eran pacientes destas características. En 2023, continuou, había en Galicia 593 persoas menores de 65 anos que ingresaron en residencias de maiores.
A isto engadiu a falta de formación dos traballadores de residencias. "Unha persoa gericultora non ten información, nin recursos, nin capacidade, nin compañeiras suficientes para atender a estas persoas como merecen e necesitan. Estas persoas o que necesitan son recursos especializados, pensados e deseñados para atender as súas necesidades", reclamou, denunciando que se xera unha "sobrecarga de traballo enorme" nos cadros de persoal, ademais de situacións de conflito.
"PROCEDEMENTO SEN DISCRIMINACIÓN"
Pola súa banda, Fabiola García asegurou que a Xunta traballa para garantir a "máxima calidade asistencial" nas residencias de maiores e explicou que os ingresos nestes centros realízanse en función do estipulado na normativa vixente. Así, lembrou que existen tres vías distintas: a ordinaria, na que se lle outorga unha praza a persoas con dereito recoñecido pola lei de dependencia a recibir ese recurso asistencial; a través da vía de emerxencia social, destinada a persoas en situación de risco de vulnerabilidade; e por mandato xudicial.
Olalla Rodil censurou que a responsable de Política Social deslizase na súa intervención que o BNG "estigmatiza" aos pacientes con trastornos psiquiátricos. "Eu non veño aquí a falar de persoas que, pola deterioración cognitiva ou pola idade, poidan sufrir un trastorno mental ou unha enfermidade. As unidades de psicoxeriatría están pensadas e deseñadas para cumprir con ese perfil, pero non estamos a falar diso", sinalou, en referencia aos internados menores de 65 anos, idade que estipula a lei para acceder a unha praza nunha residencia, tal e como apuntou a deputada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.