Por E.P. | VIGO | 26/03/2025 | Actualizada ás 18:41
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, alertou do impacto das estafas con criptomoedas, que o ano pasado superaron os 3,2 millóns de euros na provincia.
Segundo as súas cifras, un total de 117 persoas foron enganadas polos delincuentes e perderon o seu diñeiro en 2024 en Pontevedra. Ademais, Losada indicou que as cifras provisionais do que vai deste exercicio demostran que o impacto desta delincuencia "non deixa de crecer", pondo o foco en falsos 'brokers' ou asesores 'en liña' de finanzas.
"Están a chegar moitas denuncias de persoas que, unha vez que perden o seu diñeiro, ven como lles reclaman pagos adicionais para recuperar o seu investimento e volven ser estafadas", lamentou, segundo recolle a Subdelegación nun comunicado.
Losada dixo que se trata dun fenómeno "extremadamente preocupante" porque afecta a cidadáns do rural e do urbano e con distintas capacidades económicas e formación.
"Os responsables policiais din que estamos diante do timo da estampita do século XXI porque se ofrecen altísimas rendibilidades de forma case inmediata nun negocio seguro e, por incrible que pareza, segue funcionando", sentenciou.
A estafa de menor importe na provincia foi de 248 euros e a máis elevada alcanzou os 356.000 euros. Así mesmo, contabilizáronse cinco denuncias de máis de 100.000 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.