Presentada a XXXVII Festa da Ostra "cun programa de alto nivel"

O lugar escollido para a devandita presentación foi a Enseada de San Simón, co Peirao de Arcade como telón de fondo. O goberno local di poñer "todo o agarimo e coidado" para enxalzar o produto máis típico do concello de Soutomaior, concretamente da parroquia de Arcade.

Por Galicia Confidencial | Soutomaior | 28/03/2025 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, concelleiros da corporación, viticultores e hostaleiros do concello, veñen de presentar a XXXVII edición da Festa da Ostra, unha cita na que tamén estivo o subdelegado do Goberno, Abel Losada. A presentación tivo como escenario un lugar idílico como é o mar, na Enseada de San Simón co Peirao de Arcade como telón de fondo.

Presentación da Festa da Ostra 2025. Foto: Comunicación Concello de Soutomaior.
Presentación da Festa da Ostra 2025. Foto: Comunicación Concello de Soutomaior.

Manu Lourenzo dixo sobre o evento que está feito “co maior dos agarimos e coidados, trátase dunha festa de unión que enxalzará o produto máis típico da parroquia de Arcade, unha festa de interese turístico á que convido a vir a todo o mundo a descubrir e degustar a Ostra, o noso Albariño de Soutomaior e a coñecer todos os atractivos do noso concello”.

O rexedor local dixo tamén que o equipo de goberno leva meses traballando nesta edición para que "sexa a mellor ata o de agora" e poder así "poñer en valor o produto estrela con sabor a mar por excelencia e sobre todo maridado co albariño de Soutomaior".

PROGRAMACIÓN

A Festa da Ostra terá actividade as dúas vindeiras fins de semana. Arrincará este venres 28 de marzo co curso de apertura de Ostras que terá lugar no Obradoiro Luís Seoane en Alxán e cuxas inscricións serán en liña a través da web do concello www.soutomaior.gal do 17 ao 24 de marzo.

Membros do Equipo de Goberno na presentación. Foto: Comunicación Concello de Soutomaior.
Membros do Equipo de Goberno na presentación. Foto: Comunicación Concello de Soutomaior.

O día 29 de marzo o programa “Pensando en ti” da Radio Galega fará un especial en directo da Festa da Ostra dende o Multiusos de Arcade; e o domingo 30 de marzo terá lugar a Carreira Infantil da Ostra onde pequenas e pequenos de 5 ata os 14 anos poderán desfrutar desta cita co deporte. As inscricións serán de balde e en liña dende o 13 ata o 23 de marzo na páxina do concello: www.souutomaior.gal e a cativada terá que ir acompañada de seus pais.

Despois deste anticipo chegarán os días grandes da Festa da Ostra: 4, 5 e 6 de abril.

O venres 4 de abril abrirase a celebración coas actuacións das orquestras América de Vigo e da París de Noia e o sábado 5 de abril abriranse as casetas ao público ás 12:00 h. Para amenizar o recinto feiral (Peirao de Arcade) haberá un pasarrúas de Bassica Rapa e xa pola noite chegarán as actuacións das orquestras Olympus e Kubo ademais dos fogos de arteficio ás 00:00h.

O domingo 6 de abril o día comezará ás 10:00 da mañá co pasarrúas da Banda Artística e a Banda Cultural de Arcade dende o Calvario ata o Peirao. Ás 11:00 h. terá lugar a apertura de casetas de degustación, unha hora máis tarde, ás 13:00 h. terá lugar a lectura do pregón a cargo do contador de historias e monologuista Celso Fernández Sanmartín “Celsiño” nacido en Lalín pero veciño de Soutomaior. O fin de festa, pola tarde, correrá a cargo de “Festicultores Troupe” no Peirao de Arcade.

PREZOS POPULARES 

Segundo informan dende a organización, un ano máis manteranse os prezos: 10 euros a ducia de ostras e 12 a botella dos viños albariños de Soutomaior.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta