Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 28/04/2016 | Actualizada ás 10:00
O PSdeG acusou este mércores ao ex presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, de ser o responsable da perda de 10 millóns de fondos europeos. Este partido xa anunciou que porá en coñecemento da Fiscalía este asunto.
Unha auditoría do Ministerio de Facenda detectou "graves irregularidades" na tramitación e contratación de dous proxectos da Deputación de Pontevedra que recibiron fondos europeos, DepoGap e Deputrans, polas que a institución provincial perderá preto de 10 millóns de euros.
Con respecto a DepoGap, a resolución ministerial confirma que a Deputación de Pontevedra non recibirá os 6.155.000 euros que os fondos FEDER destinaran a este proxecto para implantar as novas tecnoloxías na xestión dos servizos públicos provinciais.
Entre outras irregularidades, ademais de "graves defectos" na contratación, Facenda detectou que dos 8,8 millóns de euros investidos só se xustificaron 1,5, e que o proxecto foi contratado apenas unha semana antes do límite legal para que estivese finalizado, o 16 de marzo de 2015.
En rolda de prensa, o deputado socialista Carlos López Font, actual responsable de Economía e Facenda da deputación, destacou que sucedeu co proxecto Deputrans é "aínda máis grave" porque é a oficina europea de loita contra a fraude a que aprecia "irregularidades" na contratación pública desta iniciativa, baixo a cal se instalaron 35 pequenas depuradoras para mellorar o saneamento no ámbito do río Miño.
Facenda conclúe que só o 11% dos 4,8 millóns de euros que se ían a investir neste proxecto está "debidamente xustificado", polo que o "Que non se fixo noutro tipo de situacións se se fai con proxectos europeos? ", preguntouse López Font, ao lembrar os esixentes mecanismos de control que rexen a xestión dos fondos que reparte a UE entre os seus estados membros.
Por iso, o PSdeG-PSOE esixiu "explicacións" a Rafael Louzán, a quen o goberno provincial tamén lle reclama que abandone o seu cargo como asesor do PP na Deputación, ao entender que é "indigno" que siga cobrando 44.000 euros anuais cando a súa xestión política provocou este "grave prexuízo" á institución.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.