Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 01/05/2016
Mais a praxe desta caste de instrumentos políticos habería ter en conta sempre que a cidadanía outorga a súa confianza para unha acción política urxente e de mínimo común denominador. Isto é, para construirmos unha gobernanza transparente e ética, para pormos a economía ao servizo das persoas e para arrincarmos a corrupción, entre outros obxectivos de ampla converxencia.
Xa que logo, estarán de máis ocorrencias como a promoción do veganismo (opción persoal respectábel, pero que non pertence ao ámbito do mandato recebido pola cidadanía), a consideración do aleitamento materno como o único xeito admisíbel para criarmos nenos ou a imposición da doutrina decrecionista, que non é un elemento teórico de xeral aceptación entre as bases cidadás destes novos instrumentos politicos.
Doutro xeito córrese o risco de entrar no ámbito propio da burremia, onde se insiren propostas como a da CUP de Manresa substituindo tampóns e compresas por copas vaxinais ou a bolivariana recomendando á muller venezuelana o uso de toallas sanitarias supostamente revolucionarias.
A xente vota esta caste de alternativas políticas para que resolva os problemas da gobernanza do común dende parámetros de servizo cidadán, renovación e participación democrática. Non vota, pois, para que os seus representantes así eleitos inflúan no ámbito propio das decisións persoais de cada unha nin para crearmos novos problemas onde non os había.
Compre, pois, atendermos ao importante, priorizar unha boa xestión transformadora e lembrar a busca constante do mínimo común denominador que permita integrar e seducir máis sociedade.
Por riba de todo, compre non perdermos o oremus.