Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2025 | Actualizada ás 17:43
O deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, pediu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que se "tome en serio" Ourense e demandou que se logra xestionar o 6 % de fondos europeos que reclamou este mércores dedique unha cuarta parte á provincia. Na súa intervención no Debate sobre o Estado de Autonomía, Ojea subliñou o "empeño" do presidente autonómico en conseguir a transferencia da lei do litoral, que espera que "non sexa a conta de diminuír os recursos na provincia de Ourense". Unha cuestión da que, lembrou, Ourense non se verá beneficiada ao non contar con litoral, do mesmo xeito que a senda anunciada "desde a desembocadura do río Miño ata a ría do Eo".
Sobre municipalismo, Armando Ojea, ao que non acompañou desde a tribuna de convidados o alcalde da cidade das Burgas, Gonzalo Pérez Jácome, compartiu a "necesidade de mellorar o financiamento dos concellos" e apuntou que a provincia que el representa "probablemente sexa a máis afectada" con máis municipios "en risco de despoboamento" e que se podería acoller ás medidas especiais anunciadas por Rueda no seu discurso ao amparo da futura lei de administración local.
Doutra banda, Armando Ojea tamén lembrou que se situou en contra de Altri, aínda que, insistiu, o seu voto "sempre estivo condicionado aos informes técnicos", aínda que, desde o punto de vista político non considera "adecuada" a instalación desa planta en Palas de Rei. "De todos os xeitos, tamén dixen no seu momento que 'Dura lex, sede lex'; se cumpre cos requisitos, non vai haber moito máis que dicir", recoñeceu. En materia industrial, o parlamentario ourensán sinalou que está "especialmente atento" á reapertura de proxectos de minaría que se estudan na provincia, sobre os que opinou que se non hai "ningún problema para a saúde pública" nin de "ataque ao medioambiente" parécelle "ben".
Así mesmo, Armando Ojea propuxo unha parcela da Deputación na Limia que conta con "dereitos de voo" para acoller algunhas das iniciativas que a Xunta pretende impulsar a través de axudas para "reorientar" o sector aeroespacial para seguridade e defensa. Neste sentido, lembrou que Ourense ten un máster de aeroespacial que, lamentou, tiveron que "pelexalo moito" xa que "non había vontade proactiva por parte da Xunta. Neste punto, aproveitou para demandar máis graos para a sede da Universidade de Vigo na capital ourensá.
No que respecta ao sector primario, o deputado do Grupo Mixto demandou axudas ás exportacións de produtos que se traballan na provincia, así como apoio para a Ribeira Sacra, manter en bo estado os camiños para a loita contra os incendios e mesmo para ser utilizados como recursos deportivos. Tamén pediu que algún dos centros de innovación agroalimentaria anunciados este mércores póidanse instalar na provincia. Aínda neste punto, Ojea relatou na Cámara que A Limia sofre "un problema moi grande coa contaminación por nitratos", polo que pediu ao titular do Goberno galego "tomarse en serio" este tema, "un problema de saúde pública". Ojea concluíu a súa intervención ironizando: "Os sermóns longos moven os traseiros, pero non moven os corazóns. É hora de acabar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.