Por Xurxo Salgado | Compostela | 23/04/2025 | Actualizada ás 22:31
Primeiro debate do estado do país de Alfonso Rueda tras a súa maioría absoluta. E primeiro debate no que o choque entre o PP e os principais partidos da oposicións, BNG e PSdeG, foi duro e moi acedo, sen moita posibilidade de acordos futuros. E é que case 12 horas de debate na Cámara galega entre a Xunta “absolutista” de Rueda e a oposición do “non” do BNG e a de “pleitesía a Madrid” do PSdeG, quedou en nada.
Un debate que lembrou, por momentos, os tirapuxas máis duros da época de Feijóo, e no que o choque entre Rueda e Ana Pontón volveu visibilizar dúas Galicias completamente diferentes e, semella, que irreconciliables; a “Galicia grande e Galicia calidade” do PPdeG fronte a “Galicia da xente”, do BNG.
E é que os dous dirixentes protagonizaron os enfrontamentos dialécticos máis subidos de tono de todo o debate. "Para vostede, eu son o peor sempre. Pero todo iso xa llo dixo a Feijóo moitas veces e a Fraga tivo ocasión, porque vostede xa estaba. E probablemente dirallo ao próximo presidente do PP", espetoulle Rueda a unha Pontón que o acusara, previamente, de “Ruedabsolutista” e de practicar unha política clientelar e de portas xiratorias.
"A miña nai –presente no hemiclo--, que me coñece ben, dicía: como se vai a meter en política, polo menos que faga algo máis", dixo Rueda tras lembrar que o seu pai tamén foi político. "Pois resulta que fixen algo máis -- é funcionario, secretario municipal--. E a diferenza é que, cando vostede e eu deixemos a política, a ver quen o fai antes, eu terei onde ir e vostede non. Esa é a enorme diferenza, señora Pontón. Por tanto, pídolle un pouco de respecto", aseverou, mentres a líder do BNG facía xestos de desagrado desde o seu escano.
ENTRE MACHISMO E “PEL FINA”
“Moléstalle que sexa deputada e que lidere a oposición. Vostede era concelleiro en Pontevedra no 1996. Se eres home e do PP e levas tanto en política non pasa nada, pero se eres do BNG e eres muller é un demérito. Iso é clasismo e machismo”, espetoulle Pontón que tamén lembrou a súa proxenitora. “A miña nai tamén me deu consellos, entre eles, non faltarlle ao respecto á xente e lamento que teña vostede ese estilo”, engadiu.
“Eu quero que siga de deputada. Por dúas razons; por egoísmo electoral, polos nosos intereses electorais, e porque a xente pode ver como se conporta vostede, non ao longo dos anos, senón dos mintuso, xa que na primeira intervención chamoume corrupto e na segunda, machista, porque se lle cantan as verdades Non se pode ter a pel tan fina”, contestoulle na quedan final Rueda.
MÁIS TRANQUILIDADE CON BESTEIRO E OJEA
Máis tranquila foi o debate entre Rueda e José Ramón Besteiro, líder do PSdeG, e Armando Ojea, deputado de Democracia Ourensana. A este agradeceulle varias veces o seu ton no debate a pesar das reprimendas do ourensán polos escasos investimentos na provincia. Co líder socialista houbo un pouco máis de tensión que quedou diluída nas últimas intervencións nas que os dous apostaron por un debate de propostas e non de descalificacións.
“Vivenda, sanidade, paro, calidade do emprego, subida de prezos, situación económica xeral, envellecemento... Nós trouxemos ao debate as principais preocupacións dos galego. E vostede non se centra nos problemas dos galegos”, espetoulle Besteiro. “Trouxenlle proposta. Propúxenlle un pacto polo galego en Europa e tamén un acordo para a condonación da débeda e aínda non sei a súa resposta”, insistiu. Pero Rueda evitou falar das propostas e lembroulle que moitas das necesidades de Galicia dependen do Goberno central, do PSOE. “Igual ten que preguntar a Madrid”, espetoulle.
De feito, foi o santoral o que provocou o momento de sarcasmo entre os dous cando Besteiro recomendoulle que quizais teña que declarar festivo o día de San Alfonso pola súa querencia polos “festexos e celebracións”. “Si, celebro o meu Santo, pero é o 15 de xaneiro, San Idelfonso. Eu o convido a celebralo comigo o ano que vén, pero non sei se estará vostede onde está”, chanceou o líder popular.
ALTRI E CELEBRACIÓNS
Se por algo vai ser lembrado este debate en materia económica e industrial é, sen dúbia algunha, por Altri. O proxecto de megacelulosa que se quere instalar en Palas de Rei é unha liña vermella para a oposición que cargou duramente contra o Goberno Rueda por aprobalo. “Utiliza argumentos peregrinos para demostrar que está coa camiseta de Altri para facer de comercial desa multinacional portuguesa”, botoulle en cara Pontón. ¿Cre honestamente que Galicia precisa unha macrocelulosa como Altri para pechar ciclos produtivos?”, díxolle Besteiro que destacou que este proxecto non recibirá axudas dos Perte, algo que foi criticado por Rueda. “Se somos tan rigurosos cos técnicos da Xunta, porque non ten o mesmo respecto cos técnicos que avalían eses proxectos do Perte”, espetoulle Besteiro.
Tamén a celebración do primeiro aniversario do goberno de Rueda o pasado martes deu moito que falar. Nacionalistas e socialistas acusaron ao líder popular de facer “celebracións na súa gloria” e de malgastar diñeiro público nun evento “vergoñento e de autobombo”. “Non sei por que lles molesta tanto cando alí foi a xente a falar libremente. Non quero falar da xente que levan vostedes aos seus actos”, respondeu Rueda.
PACTOS
Con todo, o debate acabou con moi poucos visos de que haxa acordos. E aínda que os tres principais líderes políticos amosaron a súa vontade de chegar a pactos, o certo é que as súas palabras e choque dialécticos dicían todo o contrario. “Eu animo a que rectique algunhas das súas políticas e busque camiños nos que nos encontremos”, dicíalle Besteiro. “Se vostede non rectifica e deixa de lado o centralismo desleal e de traizón a Galiza, non conte co BNG, pero se quere traallar polo país vai ter a man tendida do BNG”, apuntaba Pontón.
A resposta final de Rueda despexou moitas dúbidas. “Este goberno ten unha encomenda. Cando estás entre o non permanente do BNG, e tentar cubrir as vegoñas de Madrid do PSdeG, estas confrarías da perpetua negativa, pois máis que nunca fai falla gobernar... E a Galicia do Si quere menos dogmas, e máis postos de traballo, e menos carteis e máis carteis de que se fan cousas, menos crispación e máis consenso, e facer da lingua unidade e non o que nos separe. Galicia do si non quere crear muros e ser unha Galicia unida e poida que para dicir non sexa útil para perpetuarse na oposición. Pero nós estamos ao servizo dos galegos”, concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.