Tres veciños do Grove detidos como presuntos autores de varios roubos en domicilio

Tamén se investiga a outras dúas persoas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2025 | Actualizada ás 13:28

Comparte esta noticia

A Garda Civil do Grove detivo a tres veciños desta localidade, con antecedentes policiais, como presuntos autores de varios roubos con violencia en domicilios e locais, e pertenza a grupo criminal, e investiga a outros dous, un por receptación e outro como cooperador necesario.

Segundo informou a Comandancia, a Garda Civil iniciou unha investigación, bautizada como Operación Carretilla, debido a unha onda de roubos en vivendas e establecementos comerciais que xerara unha gran alarma social.

As pescudas avanzaron rapidamente unha vez que se puideron visionar as gravacións das cámaras de seguridade dunha vivenda, coas que os axentes puideron identificar a un dos autores. A partir de aí, puideron identificar o resto de compoñentes do grupo e os seus domicilios, para proceder á súa detención.

Un dos sospeitosos fora detido recentemente como presunto autor dun delito continuado de roubo con violencia, polo método do tirón, a persoas de idade avanzada.

Nesta investigación, a Garda Civil contou coa colaboración da Policía Local do Grove. As dilixencias e as persoas detidas serán postos a disposición do xulgado de instrución de Cambados.

"SENSACIÓN DE INSEGURIDADE"

O subdelegado do Goberno na provincia, Abel Losada, trasladou a súa felicitacón á Garda Civil por este operativo, que levou a solucionar un problema puntual "con prontitude e eficacia", e permitiu recuperar boa parte dos efectos subtraídos en domicilios e establecementos hostaleiros.

Igualmente, confirmou que os detidos son "persoas ben coñecidas policialmente". "Comprendo que nun lugar tranquilo e moi seguro como é O Grove, uns feitos extraordinarios, por leves que sexan, poden producir certa sensación de inseguridade, pero sempre falamos de inseguridade percibida e subxectiva, que ten que ver pouco coa realidade", sinalou Losada, que lamentou "o intento dalgunhas formacións políticas de sacar tallada nun exercicio de oportunismo".

Finalmente, avanzou que o próximo 8 de maio celebrarase unha Xunta Local de Seguridade, solicitada polo alcalde do Grove antes destas detencións.

Detidos tres veciños do Grove (Pontevedra) por unha onda de roubos con violencia en domicilios.. GARDA CIVIL
Detidos tres veciños do Grove (Pontevedra) por unha onda de roubos con violencia en domicilios.. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta