Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/04/2025 | Actualizada ás 08:49
Os concellos coruñeses de Touro e Arzúa son os únicos municipios galegos que continúan a esta hora sen recuperar a subministración eléctrica a causa do apagamento rexistrado este luns. Así o confirmaron fontes da Delegación do Goberno que sinalaron tamén que no resto de provincias da Comunidade restableceuse ao 100% a electricidade.
Ás 10.00 horas deste martes, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicaba que se recuperou a subministración no 97% das localidades galegas, polo que uns 52.000 cidadáns permanecían sen luz.
Mentres, Rede Eléctrica comunicaba que o funcionamento do sistema eléctrico peninsular xa se atopaba restablecido ao 100% e normalizado ás 11.15 horas, aínda que fontes da Delegación do Goberno en Galicia confirmaron a Europa Press que a esta hora os concellos de Touro e Arzúa permanecen sen subministración.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que manterá unha reunión co ministro de Interior para pedir volver ao nivel 2 de emerxencia. "A nosa intención é volver solicitar o pase a situación 2 e a coordinación da situación desde o ámbito autonómico, agradecendo todo o traballo que se fixo e a excelente coordinación", manifestou o presidente galego nunha comparecencia desde a sede do 112 Galicia, na Estrada.
Ademais, Rueda destacou que Galicia viviu "con normalidade" unha situación ata agora inédita. Tamén apuntou que todos os centros esenciais "funcionan con normalidade e nunca deixaron de facelo" e que os centros educativos permanecen abertos --con excepcións por algunha incidencia-- para necesidades de conciliación, aínda que sen actividade lectiva.
ACTIVACIÓN DO PLAN DE EMERXENCIA
Despois da caída da subministración activouse o Plan de Emerxencia de Galicia e convocou o cecopi. Desde ese momento o delegado, a Garda Civil, Policía e Protección Civil incorpóranse na sala de emerxencias do 112. "Ao longo do serán e durante a madrugada a coordinación foi plena coa prioridade de fornecer combustible para alimentar os xeradores dos hospitais e residencias", sinalou o delegado do Goberno, Pedro Blanco.
Durante a madrugada foise garantindo esta subministración á vez que se foi recuperando a electricidade nas catro provincias. Comezouse pola zona norte e este de Galicia. Santiago, Ferrol e Vigo foron das últimas cidades en recuperarse sobre as 04.00 horas da mañán.
NORMALIDADE
"Nestes momentos, aínda que non estamos ao cento por cento, xa hai normalidade na maioría das poboacións de Galicia", suliña Blanco que indica que "a esta hora está recuperado o subministro do 84% do territorio en Galicia".
Ao longo do día de hoxe Goberno central e Xunta analizarán as consecuencias nos distintos sectores, pero o prioritario foi atender hospitais e residencias de maiores. "Confiamos en seguir recuperando a normalidade e dando resposta ás situacións e consecuencias desta caída", indicou. Polo momento seguen se coñecerse as causas deste apagón histórico tras apuntar o presidente Sánchez a "unha anonamalía" no sistema eléctrico español.
PROBLEMAS NOS TRENS
A pesar de certa normalización, o servizo ferroviario segue con problemas. A pesar de que algúns núcleos de proximidade e liñas de Alta Velocidade están a recuperar a normalidade de forma progresiva, Renfe informa que em Galica non será posible até novo aviso.
Na última nota de prensa emitida polo Ministerio de Transportes ás 8.00 horas da mañá advírtese dos servizos suprimidos até novo aviso. Entre eles figuran o Avant entre Ourense e A Coruña, así como os convois do Eixo Atlántico entre Vigo, Santiago de Compostela e a cidade herculina. Esta parálise afecta tamén ao Ancho Métrico e as frecuencias de proximidade entre Ferrol e Ortigueira e á liña de Alta Velocidade cara á Meseta. Segundo informou o propio Ministerio non poden circular a AVE, Avlo e Alvia a Madrid "por falta de tensión a partir de Sanabria".
Tal e como ocorreu onte, tampouco poderán realizar os seus traxectos os trens diésel como o Celta que conecta co Porto ou os rexionais que circulan polas liñas convencionais.
CENTOS DE CHAMADAS AO 112
A situación recupérase así tras unha xornada na que, segundo o balance do 112, ata as 17,30 horas recibíronse case 2.500 chamadas, das cales máis de 700 acabaron por converterse en incidencias.
O 112 ha ha remarcado que son case o dobre de chamadas e incidencias das que se atenderon e xestionaron o mesmo día dle ano 2024, con 1.248 chamadas e 371 incendicas, respectivamente.
FALLOS XERADORES RIANXO E
Un fallo no sistema de extracción vinculado a un xerador eléctrico provocou fume nun garaxe do municipio coruñés de Rianxo, segundo informa o Consorcio Provincial Contraincendios.
Os parques provinciais de Boiro e Ribeira foron mobilizados onte ante un posible incendio nun edificio situado na rúa Irmáns Insua. A intervención realizouse tras detectarse o mesmo.
Por outra banda, o parque provincial de Ribeira realizou ao longo do día de onte catro rescates de persoas atrapadas en ascensores debido ao corte eléctrico. Tamén atenderon dous avisos por garaxes afectados por fume por mor das avarías nos xeradores eléctricos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.