"E en Ourense fíxose a luz", segundo Jácome

A capital das Burgas recupera a normalidade tras unha xornada con terrazas cheas e xente que durmiu na estación de tren.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 29/04/2025 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

A cidade de Ourense recuperou totalmente a subministración eléctrica ao redor das 6.30 horas da madrugada do martes. Na estación de trens da cidade habilitáronse ao redor dunha ducia de catres e Cruz Vermella repartiu comida a aqueles que quedaron sen conexión ferroviaria ou cuxos buses saían de madrugada da terminal, situada á beira da de convois.

Barrios da cidade de Ourense, como o da Ponte, As Lagoas e O Vinteún, que recuperaran a subministración eléctrica a partir das 14.10 horas do luns, aínda que con algúns cortes intermitentes, volveron quedar sen luz a partir das 19.15 horas, momento no cal o apagamento xa foi total ata a madrugada. O alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, quen se achegou a puntos como a estación de trens, informou en redes que "se fixo a luz en todo Ourense" sobre as 6.30 horas, aínda que ao redor das 3.30 horas a metade da cidade recuperara a subministración eléctrica.

Noutros puntos da provincia ourensá, a falta de subministración eléctrica estendeuse ata sobre as 7.00 horas. A tarde na capital termal deixou imaxes coas terrazas a rebordar, aproveitando o bo tempo e a imposibilidade para moitos de realizar as súas tarefas laborais, mentres que a compra de radios de pila incrementouse nos comercios.

Á noitiña, diversos dispositivos policiais aumentaron a vixilancia da cidade, onde non hai constancia de que se rexistrasen incidencias. Por iso, o alcalde da cidade agradeceu "á cidadanía polo seu exemplar comportamento" nunha noite "escura e tranquila".

Catres habilitados na estación de tren de Ourense para pasar a noite do apagamento
Catres habilitados na estación de tren de Ourense para pasar a noite do apagamento | Fonte: ROSA VEIGA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta