Por Xurxo Ayán | Gasteiz | 10/05/2016
Cando chegan as elecións, nas televisións públicas sempre se sinala a normalidade coa que se leva a cabo a xornada eleitoral, tentando así amosar a madurez da democracia española. Mala cousa se cómpre lembralo a cada intre. Esta normalidade non existe: cantos de vós, leitores e leitoras do GC, vistes un alcalde ou alcaldesa personarse oficial ou oficiosamente na exhumación dunha foxa do franquismo? No noso percorrido arqueolóxico polo Estado temos visto de todo. A última aventura foi en Belchite (Zaragoza) en setembro pasado, onde o alcalde do PP, un tal Carmelo, boicoteou dende o minuto un o noso proxecto arqueolóxico das Brigadas Internacionais até o punto de ser o artífice do primeirodesaloxo arqueolóxico do Estado, poñendo na rúa ao equipo de investigación.
Así e todo, inda que non o pareza, no Partido Popular tamén hai xente decente. Estou lembrando o caso do alcalde da localidade extremeña de Castuera. En agosto de 2012 levamos a cabo a exhumación de dúas foxas no camposanto deste pobo da bisbarra de La Serena. O daquela alcalde, personouse en acto oficial acompañado do xefe da Policía Local, este locindo o seu traxe de gala para as grandes ocasións. O alcalde honraba así aos concidadáns alí soterrados como cans. Este alcalde non seguía a liña oficial do partido (en varios temas, como podemos comprobar). Haberá que preguntarse que facía no PP, pero cada quen temos as nosas contradicións, grandezas e miserias. O que está claro é que era un alcalde decente.
“Decente” foi o epíteto empregado polo poeta Claudio Rodríguez Fer á hora de definir o comportamento do alcalde de Sober (tamén do PP) cando amparou institucionalmente unha homenaxe ás vítimas locais do franquismo. Un xesto valente que de seguro lle traerá problemas cos cadros que manexan a dereita e extrema dereita galega e española. Estes comportamentos, aillados en Galicia, son hoxendía norma común en Euskadi, onde si existe unha política pública de memoria (e agora tamén en Navarra), e onde os alcaldes e alcaldesas se personan con total normalidade nas exhumacións.
En Galicia, o señor dos Peares non quere saber nada da memoria, só lle interesa falar da, segundo el, ausencia de déficit. No noso país si existe un déficit de memoria, educación e cultura, grazas a estes políticos que de cando en vez trousan o himno galego sen comprender a frase aquela de “non des a esquecemento”. Neste Lethes inmenso que é o noso país, os xestos de alcaldes valentes fan que agrome un superávit de decencia en Galicia. Esta fin de semana pasada, o alcalde da Pobra de Brollón, Xosé Lois Maceda (BNG), algúns concelleiros e o secretario municipal personáronse na parroquia de Santiago de Castroncelos onde os voluntarios da ARMH, liderados polo arqueólogo René Pacheco, tentaban procurar os restos de dous irmaos de Montefurado asasinados e soterrados ao sopé da igrexa parroquial.
Toda unha leción de lealdade institucional e de cultura democrática.
O xornalista e sociólogo Emilio Silva remataba a súa ponencia no congreso “Gasteiz at war” que organizamos en Vitoria en decembro de 2014 cun recordo á estampa debuxada por Castelao, “a derradeira lección do mestre”. Dicía o seguinte: “a última leción do mestre é amosar o porque da súa morte e cada vez que se abre unha foxa, cada un dos esqueletes que alí xacen está contando o que lle fixeron a unha persoa. Estamos dándolle a oportunidade que non tivo ese individuo de denunciar publicamente que ese orificio de bala que ten no cranio llo fixo alguén que consideraba que compría matalo para construír un determinado tipo de sociedade. E por iso, no fondo de cada foxa, cada corpo dos que se recuperan é un mestre que nos aprende unha nova leción”.