A faciana xornalística de Manuel María

Unha web do CPXG recompila todos os artigos e colaboracións en prensa do homenaxeado o 17 de maio.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/05/2016 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

Manuel María non só foi un prolífico escritor. Tamén foi colaborador en varios medios de comunicación e a súa pegada foi intensa no campo do xornalismo. Un traballo que acaba de ser recollido nunha nova páxina web, impulsada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG).

Manuel María
Manuel María

Neste portal aparecen recompilados os artigos e colaboracións do poeta nos medios de comunicación ademais de fotografías e materiais sobre a súa biografía. Entre os medios nos que escribiu están El Progreso, El Pueblo Gallego, La Noche,  La Voz de Galicia ou El Correo Gallego. Unha relación que se volveu máis intenso tras a fundación da Nosa Terra, onde colaborou entre 1977 e 1988 e onde se concentran a maior parte dos seus artigos.

'Manuel María Xornalista' é o nome desta web na que, ademais dos artigos do homenaxeado no Día das Letras Galegas, tamén se poderá acceder a súa biografía, a unha galería de imaxes pertencentes ao arquivo da Casa-Museo Manuel María e a unha sección sobre outros homenaxeados nas Letras Galegas que mantiveron unha relación estreita co panorama xornalístico.

Un dos apartados máis destacados radica na unidade didáctica creada especificamente para os centros educativos, para que os escolares poidan traballar e coñecer a faceta xornalística do poeta e a enmarcar na súa traxectoria literaria e creativa, ademais de aprender a familiarizarse cos xéneros e a organización dun xornal.

En rolda de prensa, o decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, destacou que a web naceu "dunha conspiración de xornalistas" para crear unha ferramenta destinada a que os profesionais conten cun arquivo á hora de realizar calquera traballo.   

"Tiña unha voz moi radiofónica, fixo moita radio. Era Contundente, grave e opaca", destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen valorou esta nova ferramenta web para "poder coñecer máis" sobre a figura do poeta. 

Nesta liña, o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, engadiu que Manuel María era máis ben "un escritor que escribía nun xornal" máis que un profesional inmerso nas dinámicas da redacción, onde "non estivo nunca", e que remitía diversos artigos nos que "con frecuencia" plasmaba "a súa visión da literatura" e das súas viaxes, entre outros temas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta