Comeza a precampaña electoral en Galicia

Duro cruce de acusacións entre Feijóo e a oposición na Cámara galega. Feijóo volve criticar un goberno de hai oito anos e ataca a En Marea tras ser cualificado como "covarde".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/05/2016 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

Os ecos da precampaña nun ano no que se celebrarán dúas importantes citas coas urnas --as eleccións xerais do 26 de xuño e as autonómicas de outono-- deixáronse sentir este mércores na sesión de control da Cámara na que Feijóo se defendeu das duras críticas dos seus rivais políticos rescatando "os coches e asesores" do bipartito e agudizando os ataques a Podemos.

Feijóo na Cámara galega
Feijóo na Cámara galega | Fonte: parlamentodegalicia.es

Os enfrontamentos máis agres producíronse no debate sobre política económica que protagonizou co voceiro do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, e na posterior pregunta formulada polo vicevoceiro de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Antón Sánchez, quen chegou a acusar ao presidente de "covarde" por non responder sobre o rural galego e acusoulle de "frivolizar" coa dura situación dos gandeiros, afeándoo os recentes casos de vacas mortas.

Previamente, Méndez Romeu botara en cara as cifras do paro, a precariedade laboral, así como os "recortes" en servizos públicos a Feijóo. "A vostede non lle gusta a xente real, se fixese o que facemos o resto, ir á compra, ...", esgrimiu, entre risas e balbordo das bancadas do PPdeG. "Xa vexo que hai xente que ten servizo doméstico", ironizou o socialista que o acusou de tentar repetir a "campaña sucia de 2009", cando o PPdeG superou ao bipartito grazas ao apoio de grandes medios de comunicación.

De feito, o bipartito estivo moi presente no discurso de Feijóo, algo que xa comeza a ser habitual nel para tentar desacreditar, oito anos despois, aos socialistas. Así, dixo que o único que "recortou" o PP son "os despachos, os coches e os asesores". "Que diso vostede sabe bastante", agregou, en alusión á etapa de Méndez Romeu como conselleiro de Presidencia do bipartito.

Feijóo, Iglesias e o rural

Se o presidente utilizou as primarias do PSdeG no seu debate con Méndez Romeu, a pregunta sobre a situación do rural formulada por AGE tamén serviu para avanzar algúns dos argumentos que, previsiblemente, marcarán a campaña electoral, xa que Feijóo lanzou duros ataques a En Marea, a Podemos e ao seu líder, Pablo Iglesias.

"Os de Podemos téñennos afeitos a case todo", dixo, antes de cargar contra Iglesias, a pesar de que Sánchez pertence a Anova (unha das forzas que integran AGE), e de apuntar que "o único verde que viu" o líder da formación morada "é o céspede da Complutense". "Non sabe o que é o rural galego", dixo.

"A quen quere enganar?. Podemos non ten propiedades agrarias, nunca traballou nin vai traballar por Galicia, mentres a maioría de nós nacemos no rural e sentímonos orgullosos de pertencer ao partido do rural galego", dixo.

"Vostede é un covarde por non responder as preguntas", espetoulle Sánchez que o cualificou de "covarde" por "non responder as súas preguntas e lembroulle que el "non" é Pablo Iglesias e "coñece e vive" do rural. "Pufo é o que deixa vostede", afeou, en relación ao "aumento" da débeda pública "que supera os 10.000 millóns de euros e incidiu en que "sete anos despois de xestión made in Feijóo todos os datos no rural son peores".

Ademais, lembroulle os casos das vacas mortas e instou o presidente, "aínda que non sexa un campión da empatía", a "porse no lugar desas persoas" e non "frivolizar co rural". "É superarse a si mesmo no nivel de indignidade, que xa o ten moi alto", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Ana

Resumen da situacion de Galicia: paro, emigracion, problemas demograficos, crise de sectores economicos galegos, ¿caixas?, a lingua perdendo falantes e con pouca ou ningunha presenza en moitos ambitos, salarios e pensions baixos, a situacion da sanidade, non avanzamos en autogoberno, sin tarifa electrica galega, etc. E todo isto nunha nacion que podia ser a porta de entrada a Europa de Iberoamerica e culturalmente da lusofonia, podiamos aproveitar ser productores de enerxia para atraer inversions, podiamos recuperar o talento galego emigrado, podiamos tender pontes con Portugal para proxectos culturais e economicos, podiamos esixir presenza como nacion na UE para defender o noso sector lacteo e a pesca, podiamos contar con un so aeroporto internacional que fose lider do noroeste peninsular, etc. Mais para isto fai falla ter vision de pais e non pensar so na "unidade de España".

2 Sesese

Pareceme que estades subestimado a feijoo

1 Outeiro

Comeza a campaña co PP illado. Todos contra Fexoo; PSOE, BNG, Anova, Podemos, IU, Marea Atlantica, Ferrol en Común, En Marea, AGE, Cerna, FPG, Causa Galiza, AMI, Compostela Aberta. Ciudadanos, Vox, Falanxe, Terrra Galega, Compromiso por Galicia, Foro Galego, Coalición Galega, etc,etc, etc , Adeus Frijolito, adeus. Vaite para Madrí e deixalle a Xunta a Beiras