Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 16/05/2016
Este principio é xa común a case toda a Unión Europea. Suecia abandonou o luteranismo como relixión de Estado no 2000 e Francia evoluiu dende 1945 dende o laicismo até esta laicidade positiva. A relixión oficial das monarquías británica, danesa ou norueguesa semella pouco máis ca un residuo tradicional e só a confesionalidade ortodoxa grega apártase deste acervo común europeo. A aconfesionalidade ou laicidade positiva é a lóxica conclusión dun proceso que parte das raigames cristíás da Europa medieval para gañarmos a plena autonomía e separación entre a Igrexa Católica e a Res Pública, gañáda no século XX logo dun proceso que ten como fitos fundamentais o Renacemento, a Ilustración e a consolidación do Estado de Dereito.
Cómpre, pois, esixirlle aos nosos gobernantes que colaboren sen sectarismos coa Igrexa Católica e demáis confesións. O alcalde de Compostela terá que artellar as mellores relacións coa diócese, diante da centralidade do fenómeno xacobeo na conformación histórica da cidade e na súa vitalidade económica actual. Mais non haberá participar nun acto estritamente confesional como é a Ofrenda ao Apóstolo do 25 de xullo. E Cuiña, Ferreiro e os demáis alcaldes da Galicia haberán cooperar co labor social e cultural da Igrexa e demáis confesións, mais de ningún xeito acodir como alcaldes ao Corpiño, á Función do Voto, ao Cristo da Vitoria ou a outros eventos confesionais aos que acodirán, se lles peta, coma cidadáns privados.
A dereita extrema sabe que a meirande parte da cidadanía asume xa esta laicidade positiva. E usa destas andrómenas como mecanismo de fidelización dos seus apoios máis radicais.
Velaí que non haxa que lles mercar o relato.